Dos mortos e do esquecemento

Por César Reis

Un dos episodios máis estarrecedores, e probablemente máis descoñecidos, da Segunda Guerra Mundial é o relacionado coa matanza levada a cabo no bosque de Katyn, a 20 quilómetros da cidade rusa de Smolensk, preto da actual fronteira con Bielorrusia e onde o sábado ocorreu o accidente aéreo no que finou o presidente polaco, Lech Kaczynski. Alí, pero tamén en Tver, en Jarkov…, o exército soviético executou en 1940 a case 22.000 militares polacos mediante o procedemento do tiro na caluga. A masacre fora ordenada por Stalin seguindo o consello de Lavrenti Beria, xefe da NKVD (a policía secreta precursora do futuro KGB). Este brutal exterminio tiña como fin rematar cunha intelligentsia polaca –entre os executados estaban médicos, profesores universitarios, avogados…– que puidese exercer a resistencia á sovietización dos territorios que a URSS se tiña adxudicado en virtude do ignominioso pacto Mólotov-Ribentrop de 1939 coa Alemaña de Hitler.

Os soviéticos sempre negaron a súa participación nesa burda masacre atribuíndoa á Gestapo, mesmo en 1943, cando o exército alemán tentou invadir a URSS e descubriu os enterramentos masivos en Katyn. A mentira perdurou, para sufrimento das familias dos desaparecidos, durante case medio século (xuízo de Nuremberg incluído) co beneplácito das potencias occidentais que participaran na segunda Guerra Mundial. Houbo que agardar ata 1990, para que, coa Perestroika de Mijail Gorbachov, Rusia, principal herdeira da antiga URSS, comezase a recoñecer a súa responsabilidade aquel terrible xenocidio entregando a Polonia só unha pequena parte, aínda que suficiente, de probas documentais.

A estarrecedora historia destas brutais execucións, pero tamén a da cruel incerteza das mulleres dos soldados que xamáis regresaron aos seus fogares, levouna ao cinema o octoxenario cineasta polaco Andrezj Vajda, cuxo pai era un dos desaparecidos. O filme “Katyn” foi estreado en Polonia o 17 de setembro de 2007, data na que se conmemoraba a entrada no país das forzas soviéticas en 1939.

Hai un par de semanas a cinta, que aínda non se estreara oficialmente en Rusia, agás dous ou tres proxeccións restrinxidas, emitiuse na canle Kultura seguida dunha mesa redonda con políticos, historiadores e o cineasta Nikita Mijalkov. Sen dúbida, todo un xesto positivo por parte deste país. Por outra banda, o pasado domingo, tras a morte do presidente polaco precisamente cando se dirixía a Katyn para a conmemoración daquel terrible suceso, volveu emitirse en horario de máxima audiencia. O recoñecemento e a asunción daqueles feitos parece ser xa evidente en Rusia, proxectando unha imaxe positiva dun país non sempre dado a tales xestos.

A historia é moi dura, con todo, e por desgraza, non é necesario irse tan lonxe para atopar masacres de semellante calibre. Calcúlase que só no Val dos Caídos xacen os corpos de entre trinta e trinta e cinco mil homes e mulleres mortos na Guerra Civil. Deles só ao redor de 20.000 foron identificados. Ninguén foi xulgado por tales matanzas, nin por ningún dos miles de asasinatos levados a cabo nas cunetas, nos muros dos cemiterios ou en calquera outro lugar durante a guerra e a posterior e brutal represión dos primeiros anos de posguerra.

Resulta paradoxal e bastante penoso que, agora, mentres Rusia, un país non sempre dado a veleidades democráticas, anda a preocuparse por adoptar unha imaxe de tolerancia no exterior recoñecendo a súa culpa no xenocidio de Katyn, aquí o único que se vaia a sentar no banco por remover as tumbas do franquismo sexa un xuíz cuxa labor se caracterizou precisamente pola loita a favor da Paz. Como comezaba dicindo o pasado 8 de abril o editorial de The Economist ("Judge not"): “Franco debe estar a rir na súa tumba”.

13/04/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión