O SLG denuncia as reformas da Lei do Solo

Redacción

A publicación no DOG o pasado 31 de marzo da modificación da Lei do Solo revelou, segundo nos fan chegar membros do Sindicato Galego Labrego, a substitución da prohibición existente de realizar actividades mineiro-extractivas en solo rústico de protección agropecuaria pola posíbel autorización por parte da comunidade autónoma. É dicir: de prohibido a autorizábel. No Artigo 37.º, "Solos rústicos de especial protección agropecuaria, forestal ou de infraestruturas", o Goberno da Xunta da Galiza vén de amosar o significado de “preservar os terreos de alta produtividade e garantir a utilización racional dos recursos naturais”, dende o seu particular punto de vista:

2. Usos autorizables pola Comunidade Autónoma: (...)

e) Actividades extractivas, incluída a explotación mineira, as canteiras e a extracción de áridos ou terras, así como os seus establecementos de beneficio.1

Así, a partires de agora, a Xunta poderá aprobar a realización de actividades extractivas demandadas polas empresas privadas, cousa que até o momento non podía permitir nin a Xunta nin ninguén. O Partido Popular obtivo esta modificación a través dunha enmenda introducida no debate parlamentario, o que estando agora no poder obviamente outórgalle capacidade de decisión sobre o uso das nosas terras.

Desde o Sindicato Labrego Galego, fortemente implicado na loita contra a extracción de cuarzo na Terra Chá solicitada pola empresa Erimsa, aleétannos, xa que logo ,da perda de dereitos para a cidadanía, e para as labregas e labregos en particular, que supón esta modificación. De feito, tanto por medio das alegacións presentadas á Lei do Solo coma no debate do anteproxecto de lei que tivo lugar no marco do Consello Económico e Social (CES), todos os axentes sociais opuxémonos a este claro xesto de connivencia do Goberno galego para coas multinacionais explotadoras de recursos mineiros.

Significativamente, como se pode comprobar no Ditame do CES2, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) fixo constar un voto particular a favor de que a extracción mineira en solo rústico de especial protección agropecuaria puidera ser un uso permitido. Como xa ten denunciado anteriormente o Sindicato Labrego Galego, a modificación da Lei do Solo aprobada polo Partido Popular supón un forte ataque á agricultura labrega, poñendo en grave risco ademais a consecución da soberanía alimentaria para o noso pobo.

1, http://www.xunta.es/Dog/Dog2010.nsf/FichaContenido/D9B6?OpenDocument

2, http://www.ces-galicia.org/

02/04/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión