Rebacholo


Xulio Xiz

Vexo nas páxinas de La Voz de Galicia, a Alfonso Baamonde, presidente da Coral Polifónica de Vilalba, entregándolle unha fotografía ó Rebacholo, e alégraseme a alma porque hai xa ben anos que non o vía, e paréceme perfecto que a Polifónica homenaxee a un dos seus máis antigos componentes, que durante alomenos trinta anos foi unha das voces que eran base desta magnífica agrupación coral.

Chamándolle toda a vida o Rebacholo, entérome agora ou sóame de novo que se chama Antonio Fraga Lodeiro. Posiblemente na Vilalba de hoxe non funcionen os sobrenomes como cando eu era neno, porque daquela rara era a persoa que non tiña o que se chamaba “nombrete” ou “alcume”, e a Antonio o de “Rebacholo” superou o nome, e dicindo a denominación legal poucos saberíamos de quen falabamos pero dicindo “Rebacholo”, todos sabíamos de quen se trataba.

O Rebacholo era un dos “baixos” da polifónica, de voz profunda, grave, de tal xeito que parecía que sen el non podía funcionar a coral, e a palabra “Rebacholo” era sinónimo de voz cantora.

Andando os anos, deixou de ir ás ceas anuais da Polifónica por Santa Cecilia, e os amigos coincidían en que os anos ían pesando e os achaques tamén, e que non saía moito da casa porque a saúde non acompañaba.

Vexo agora a foto na Voz onde un sorrinte Alfonso Baamonde lle entrega unha foto antiga na que aparece a orquesta Mato tocan nas festas de Vilaronte, en Foz, hai moito, moito tempo. Na foto está o Rebacholo, que foi membro desta orquesta na que eran maioría os membros que se apelidaban Mato, e tamén da vella Banda Municipal de Vilalba, modernamente renacida con ducias de rapaces novos.

Seica a entrega desta foto non é máis ca o preludio dunha homenaxe que a Polifónica lle vai render o próximo outono co gallo da festividade da patroa da música, no que espero estar, e compartir con todos os presentes o agarimo polo Rebacholo, e o agradecemento de todos os vencellados á Polifónica por un home que derrochou amizade, irmandade e música durante varias décadas na polifónica vilalbesa.

Foto: Purriños/La Voz de Galicia

05/04/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión