Vellos pesadelos


Fermín Bouza

O disparate da suposta prevaricación do xuíz Garzón está a volverse contra os seus mentores a toda velocidade, pero tamén contra a imaxe do Reino de España, nunca do todo ben acollida, precisamente porque non incluíu entre os seus obxectivos a recuperación tranquila dos máis de cen mil habitantes taciturnos que nos chaman aínda desde as cunetas do estado.

E aínda esquecéndonos tamén daqueles máis recentes que até pouco antes da morte do ditador ditaminaron e executaron condenas a morte ou sinxelamente dispararon a matar por un quítame alá esa manifestación, aínda esquecéndonos dos torturadores, dos represores de toda condición, dos que nos deixaron sen os nosos traballos e sen outras moitas cousas, aínda esquecéndonos de todo iso, que ten un mérito extraordinario, non podemos deixar de insistir na necesidade de que o Estado axude con todos os seus medios á recuperación dos corpos e á súa devolución ás familias.

Se non se fai así dunha forma clara e precisa, os mortos seguirán mirándonos, non nos deixarán descansar, e o Reino de España, coas súas nacións interiores e os seus territorios diversos, será sempre un lugar incerto. Cunha maioría civil democrática, cuns partidos de igual condición, cunhas Forzas Armadas máis leais que nunca á liberdade, e unhas forzas de seguridade nesa liña, non hai a menor escusa para non resolver o tema das cunetas, que é un tema de civilización (e de civilización cristiá, por certo, dito sexa para aqueles que só usan a súa condición de tales para obter algún beneficio material no aquén ou no alén).

Garzón e Gürtel, Gürtel e Garzón, cun Madrid que parece espertar dun longo soño no medio dun novo pesadelo. O conto de nunca acabar? Alguén debe pór fin a todo isto.

09/04/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión