Vicente Risco en imaxes

Mario Paz González.-

Hoxe en día, gústenos ou non, vivimos nunha época inzada de imaxes, na que non só os grandes acontecementos, senón o máis ínfimo das nosas vidas cotiás é fotografado até a saciedade cunha compulsión case enfermiza. Se cadra por iso a fascinación que exercen as fotografías antigas nalgunhas persoas, nas que me inclúo, non ten límites. A través delas, da súa inevitable fragmentación e capacidade de suxerencia é posible mergullarse en boa medida nun mundo completo, co que poida ter de fermoso ou contraditorio. As fotografías antigas fornecen a imaxinación, como poucas outras manifestacións artísticas, cun estímulo e unha chamada constantes, facendo que se sinta compelida a encher os ocos deixados pola imaxe obrigándonos a dexergar na mente os momentos previos ou os seguintes ao acto de fotografar, aquilo que dixeron, pensaron ou, mesmo, sentiron e desexaron os seus protagonistas. Pero, sobre todo, obrígannos a recrear o xeito no que puido desenrolarse a vida nos escenarios capturados, nun mundo para nós case sempre descoñecido e xa extinto. Dicía Susan Sontag, no seu estupendo ensaio Sobre a fotografía, que un dos resultados adxacentes ao empeño fotográfico é “darnos a impresión de que podemos conter o mundo enteiro na cabeza, como unha antoloxía de imaxes”. A fotografía serviría dese xeito como medio para conxelar unha vida, unha época, un acontecemento concreto, para mantelo inmutable fronte ao paso do tempo. Quizais por iso, coma contrapartida, ten algo de arte elexiaco, crepuscular, pois axuda a lembrarnos o perecedoiro de todo o que rodea a nosa existencia e ata o perecedoiro dela mesma. Todas estas, e outras, sensacións son as que desperta un libriño publicado recentemente pola Fundación Vicente Risco, case corenta anos despois da morte deste inquedo intelectual galego.

Nacido a finais do século XIX e fundador de revistas como A Centuria ou Nós, Risco é, xunto a Castelao, Otero Pedrayo e outros compañeiros de xeración, un dos persoeiros máis importantes do seu tempo e a súa figura é fundamental para comprender boa parte da cerna da cultura galega. Se ven sendo innegable a súa importancia á hora de introducir a Galicia nas correntes dominantes da etnografía e a antropoloxía modernas, compre sinalar que a súa evolución intelectual estivo vencellada a algunhas das principais correntes da época, desde o Novecentismo, na continua reivindicación do século XX fronte ao fracaso da visión de mundo decimonónica, ao Antirracionalismo afoutado pola súa desconfianza fronte ás contradicións da ciencia empírica. Polo medio atópanse outras moitas etiquetas que, sen abarcala na súa totalidade, axudan a esguizar e, xa que logo, analizar algúns aspectos da súa vida ou da súa obra. Entre elas, o historicismo, a visión vangardista do mundo ou ese xeito de decadentismo polo que devecía na xuventude e que se amosa no seu manifesto xeracional “Nós, os inadaptados” ou no ensaio póstumo As tebras de occidente. Se para o lector novo resulta estimulante descubrir a desbordante imaxinación de novelas, como O porco de pé, ou relatos como “Os europeos en Abrantes” ou “Dedalus en Compostela”, a medida que un vai medrando como lector libre de prexuízos resulta case imposible non sentir a mesma fascinación pola súa prosa ensaística. Refírome a textos como o libro de viaxes Mitteleuropa, ou pequenos ensaios como A Atlántida, A interpretación da historia, Teoría do nacionalismo galego ou, mesmo, libros de investigación científica como a súa Historia de Galicia.

Afortunadamente, agora podemos ver algúns destes aspectos mencionados da súa vida e do seu traballo investigador e creador a través das fotografías que integran este volume de pequeno formato e que pertencen, na súa maioría, aos fondos da propia Fundación Vicente Risco. A través delas pódese realizar un ameno percorrido por algúns dos seus acontecementos familiares e dos seus lugares vitais como Ourense, Castro Caldelas e Allariz. Tamén por esa Galicia rural interior cuxos modos de vida baseados na agricultura, a gandaría, as feiras ou a artesanía estaban, xa daquela, en vías de extinción. Doutra banda, ofrécense imaxes que amosan a súa labor investigadora na revista Nós, as súas conferencias, o seu interese pola arquitectura popular dos cruceiros, os seus estudos etnográficos de festas tradicionais como a Rapa das bestas de Sabucedo, as danzas populares, o Corpus ourensán e, sobre todo o Entroido, sendo os seus traballos de campo nesta materia os primeiros e, durante décadas, os máis importantes feitos ao redor desta festa. Tamén o seu interese por Europa, as súas viaxes a Portugal, os seus contactos con intelectuais como Phileas Lebesgue e ademáis, a súa viaxe a Centroeuropa para ampliar os seus estudos de etnografía e folclore e cumprir ese ritual de aprendizaxe intelectual nunha cidade estraña, afastada. A experiencia serviríalle para evocar a súa propia terra e tamén para atoparse coa súa identidade máis auténtica, regresando o seu espíritu renovado e, ao mesmo tempo, non alleo ás convulsións dunha época que se agoiraba abondo esgrevia.

O tempo da posteridade é moi longo e o seu facho iluminador. Por iso, a medida que o fío se vai desenleando, todas as cousas vanse poñendo no lugar que, se cadra, lles corresponde. Achegarse a unha figura tan complexa e chea, nalgúns episodios da súa vida, de tan amplas contradicións como a de Vicente Risco de ningún xeito pode ser unha tarefa doada e, por iso mesmo, pola súa complicación, non deixa de resultar menos “atractiva” intelectualmente, como ben recoñecía Carlos Casares naquela magnífica biografía deste ourensán universal escrita en 1981 e na que o calificaba de “indispensable para comprender a historia de Galicia do últimos sesenta anos”.


Vida y época de Vicente Risco.
Fundación Vicente Risco.
Madrid: Amberley, 2009.
96 páxinas.




mariopaz@avozdevilalba.com

28/04/2010

1 comentários :

Danos a túa opinión