Alberto Manguel no III Encontro Cidade da Coruña

Redacción

Organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, mañá martes día 11 do mes que andamos, ás 20,00 horas, terá lugar na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña) a cuarta conferencia inscrita no III Encontro Cidade da Coruña, nesta ocasión a cargo do escritor, tradutor e editor arxentino Alberto Manguel, baixo título “O camiño da lectura”.

O III Encontro Cidade da Coruña, baixo lema “Literatura e viaxe”, contou xa coa presenza do poeta arxentino Juan Gelman, do escritor galego Miguel Anxo Murado, da escritora portuguesa Hélia Correia (5 de maio) e pechará o vindeiro 19 de maio coa intervención do escritor galego Xavier P. Docampo.

O escritor arxentino será presentado por Manuel Rivas.


ALBERTO MANGUEL
Nado en Buenos Aires en 1948, viviu en Italia, Reino Unido, Tahití e Canadá. Na actualidade reside en Francia. Ten cultivado o mundo das letras prácticamente en todas as súas facetas –o ensaio, a novela, a crítica literaria, a antoloxía, a tradución e a edición-, acadando unha moi notable reputación internacional.

Manguel ten reflexionado por escrito sobre a importancia do lector e o seu propio acto de ler, desde a perspectiva de este se converter en destino e orixe de toda creación literaria, ao tempo que acredita en que ler non será só no futuro un acto de rebeldía, senón un acto de supervivencia.

Entre os títulos destacados da súa obra, poderiamos citar: Una historia de la lectura, En el bosque del espejo, Noticias del extranjero, Leer imágenes, Diario de lecturas, Con Borges e Guía de lugares imaginarios.

10/05/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión