Amaina a tormenta?


Antón Baamonde

Fernando González Macías da conta, nun artigo na Opinión do que pode ser a expectativa dominante na Consellería de Educación: que despois dun período de malos tragos a aplicación do decreto do galego o curso que ven se produza dentro dun clima xeral de tranquilidade.

É unha hipótese plausible, pero non segura. Dende logo, o climax da contestación social, no sentido de acudir a manifestacións de protesta, tal vez se alcance o próximo 17.

Porque o ano que ven nos deixa, no entanto, numerosas incógnitas. Non sabemos o que sucederá, qué efectos provocará a súa posta en marcha.

Dende logo, a cuestión do galego perderá probablemente protagonismo na prensa. Os partidos terán os seus ollos postos xa, despois do verán, nas eleccións municipais. O foco será posto sobre esa cuestión, como no último tramo de tempo a fusión das caixas marcou a axenda. No trasfondo, por suposto, a crise económica, que está no centro da preocupacion. Nese sentido, si haberá máis tranquilidade para as autoridades educativas.

Agora ben, o PP pode ter dúas actitudes básicas sobre a aplicación do decreto. Unha, deixalo correr. Que cada centro se apañe, facer a vista gorda e evitar toda confrontación. En definitiva, prescindir de vixíar a súa posta en obra. Se asi acontece, tal vez esa tranquilidade suceda.Tal vez,porque unha vez aberta a caixa dos tronos calquera cousa pode suceder.

Hai que tomar en consideración que en Galicia Bilingüe e arredores hai o suficiente número de fanáticos para que demanden a súa aplicación con celo rigoroso e para crear outras fontes de conflicto -cos libros de texto, etc-. Iso, naturalmente, creará unha reacción. Non digamos se se producen aperturas de expediente, etc.

A segunda posibilidade é que o PP decida a aplicación estrita do decreto e encontre, ademais, que en Vigo e na Coruña iso pode desgastar e dividir aos bipartitos. De ser así, a lea está asegurada, o conflicto estenderase por toda a rede pública, privada e concertada: as denuncias, nos dous sentidos, experimentarán unha progresión matemática conforme vaia pasando o tempo e, finalmente, acabarán na xustiza.

Como resultado de todo isto, non é nin tan siquera descartable que o PP, se as municipais lle van ben -cousa que non é probable, pero nunca se sabe..-, decida pasar a maiores e derogar a Lei de Normalización Lingüística.

O sentimento de frustración e impotencia do sector da sociedade proclive ao galego tería entón ante sí, dúas opcións: achantar ou facerse máis activo, nun escenario no que sería fundamental evitar cair nas provocacións.

En todo caso, a estratexia dos sindicatos de solicitar o seu rexeitamento nos Consellos Escolares é acertada. Un paso máis, sería poñer en evidencia -a través das ANPAS- que os puntos de vista castelanistas son menos seguidos do que os ideólogos do PP, GB e un certo número de pais, dan por sentado. Esa debería ser o seguinte paso.

11/05/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión