Deficiencias na Casa da Cultura de Castro Ribeiras do Lea

Redacción

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, acompañado de membros do equipo de goberno do Concello de Castro de Rei, desprazouse até Castro Ribeiras do Lea para comprobar in situ as deficiencias estruturais e construtivas que presenta a Casa da Cultura da localidade.

Na súa visita polas dependencias desta infraestrutura cultural, Antón Bao puido advertir e comprobar, guiado polos membros do consistorio local, as numerosas eivas que afectan á estrutura e construción da Casa da Cultura, pese a que non se trata dunha edificación antiga. Neste sentido, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, coincidiu nas súas valoración co equipo de goberno do Concello ao afirmar que se trata dunha construción “pouco afortunada” para o seu uso e aproveitamento por parte dos veciños e veciñas da vila.

Por estas razóns, tanto o vicepresidente da Deputación como os membros do equipo de goberno do Concello de Castro de Rei propuxeron estudar as posibilidades e opcións que existen de cara a tomar as medidas necesarias para solucionar os defectos que percibiron durante a visita. Por iso, esta visita serviu para estabelecer as preferencias e un punto de partida para avaliar cales serán as actuacións a realizar e de que maneira se poderán artellar para conseguir unha Casa da Cultura máis accesíbel para os veciños e veciñas.

Antón Bao quixo anunciar o seu compromiso para que a Casa da Cultura de Castro Ribeiras do Lea “conte cun equipamento mínimo que permita desenvolver todo tipo de actos culturais”. Bao afirmou que “desde a Área de Cultura da Deputación cremos que ter unhas instalacións culturais debidamente equipadas é un paso fundamental para posibilitar que tanto as asociacións culturais coma os propios concellos poidan desenvolver a súa actividade cultural, que vai en beneficio de todas e todos”. O vicepresidente da Deputación afirmou que “desde as institucións con responsabilidade en materia cultural deberíase de actuar con máis sentido para que non se leven a cabo proxectos construtivos que se ven que van en contra da lóxica arquitectónica dun país e en contra das necesidades dun pobo, resultando en edificios con deficiencias estruturais como este e pouco axeitado para o seu uso”.

Pola súa banda, o concelleiro Serafín Carballo afirmou que “cando o BNG adquiriu recentemente a súa responsabilidade en materia cultural no Concello axiña nos decatamos das deficiencias que presentaba a Casa da Cultura de Castro Ribeiras do Lea, malia que por fóra semelle estar en perfecto estado e cumprir cos requisitos”. Neste sentido, Serafín Carballo explicou que desde o concello vaise tratar de “subsanar as deficiencias e tratar de adaptar e dotar o auditorio dunhas condicións mínimas para poder empezar a realizar algún acto de tipo cultural, xa que polo de agora Castro Ribeiras de Lea non conta con ningún espazo que permita realizar estas actividades”. Por esta razón, Serafín Carballo agradeceu a colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación e a súa Área de Cultura para comezar a estudar e levar a cabo as posíbeis solucións a estas deficiencias.

7 de maio de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión