Día internacional do Comercio Xusto 2010

Redacción

No día de hoxe está tendo lugar na rúa San Pedro (Santiago de Compostela) un mercado solidario con motivo do Día Internacional do Comercio Xusto, e en denuncia do papel das grandes superficies nas condicións de vida das persoas produtoras. Ás 13:00hrs tivo lugar a pasarela reivindicativa "A moda que incomoda", que conducida pola poetisa e contacontos Iolanda Aldrei, deu conta da vulneración de dereitos humanos que se agocha en moitas das nosas prendas de vestir.

Baixo o lema por un “Comercio Xusto no Norte e no Sur”, actividades simultáneas en Pontevedra, Vigo, Ourense e Compostela denuncian a implicación das grandes superficies nas condicións de vida e de explotación de miles de persoas, visibilizando o impacto das actuacións de empresas como Carrefour ou Lidl nos distintos sectores como o da alimentación ou o do téxtil.

Estanse levando a cabo mercados transparentes de alimentación coa participación das labregas e labregos das respectivas comarcas, informando ás consumidoras e consumidores das diferencias de prezo entre a produción e a venda final nas grandes superficies.

Asemade, estanse desenrolando tamén mercados transparentes de roupa, espazos nos que daremos acoñecer os resultados da investigación das condicións das traballadoras do téxtil en Asia para as grandes distribuidoras elaborado pola Campaña Roupa Limpa CRL , e como son unha peza máis nun sistema que asfixia a milleiros de traballadoras de países do Sur con condicións laborais que violan os seus dereitos humanos.

08/05/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión