Nova Biblioteca Dixital Mundial

Redacción

No pasado mes de abril a UNESCO lanzou a nova Biblioteca Dixital Mundial (WDL) a través de Internet (www.wdl.org/es), na que persoas de todo o mundo poderán acceder a textos, imaxes, mapas e contido audiovisuais en máis de 50 idiomas diferentes. Na iniciativa colaboran outras 32 institucións cuxo obxectivo principal é a posta en común do coñecemento e da cultura en todo o mundo.

O arquivo vese nutrido por algunhas das obras e documentos máis importantes do mundo, que proceden de diferentes bibliotecas e cuxo valor patrimonial é incalculable. De feito, a WDL erixiuse nunha biblioteca patrimonial na que a maior parte dos documentos forman parte íntegra da historia cultural e social do noso planeta.

Estas xoias culturais preséntanse, maioritariamente, en sete idiomas: árabe, chinés, inglés, francés, ruso, español e portugués, e destacan entre os seus títulos códices precolombinos, mapas pioneiros no descubrimento de América, o Hyakumanto darani, datado no ano 764 e considerado o primeiro texto impreso da historia, a Biblia de Gutenberg, a Declaración de Independencia de Estados Unidos, e as Constitucións de numerosos países, entre outros textos valiosos do patrimonio universal da humanidade.

A páxina Web está deseñada para facilitar ao máximo a navegación a través dos seus contidos, que se presentan cunha breve recensión a xeito de introdución para informar aos usuarios das características básicas de cada documento en canto a contido e forma.

Outra das facilidades que ofrece a WDL é que non é necesario rexistrarse para poder acceder aos seus contidos, e basta con visitar a páxina Web, onde o interesado poderá guiarse a través das diferentes áreas temáticas nas que se agrupan os documentos. Deste xeito, o internauta pode escoller criterios de procura como épocas, zonas xeográficas ou tipo de documentos, entre outros.

De momento, a WDL conta con preto de 1.200 arquivos, aínda que está deseñada para almacenar un número ilimitado de documentos. É preciso saudar con ledicia iniciativas coma esta que contribúen á unión dos pobos e á difusión do coñecemento.

8 de maio de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión