Pensamento único en Cuba


Moncho Paz

As promesas na política teñen data de caducidade. Pregúntenllo a Raúl Castro, o actual presidente de Cuba, que está a piques de esgotar as boas intencións coas que comezou o seu liderado e agora precisa facer xestos que amosen que a Revolución quere abrirse ao mundo, xa non por cuestión de supervivencia senon por sentido común e humanidade. O absurdo bloqueo económico que padece a illa caribeña non pode continuar como escusa permanente e a clase dirixente cubana debe pasar á acción, dando pasos concretos que sirvan para mellorar a súa proxección de país no contexto internacional. Renovarse ou morrer, non hai máis opcións; niso consiste a verdadeira revolución.

As estritas condicións que esixe o Goberno non favorecen precisamente o investimento privado estranxeiro, que a economía cubana –en permanente ameaza de “corralito”– necesita máis que nunca. O modelo funcionarial estatal está esgotado e, máis de corenta anos despóis do seu estreo, segue vixente a ridiculización que fixo Gutiérrez Alea na súa magnífica obra Muerte de un burócrata.

Coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa, no que Reporteiros sen Fronteiras lembra a penosa situación de Cuba neste terreo, chega a noticia da destitución de Jorge Luis Sierra como vicepresidente do Goberno e ministro de Transportes, por decisión persoal de Raúl Castro. O seu substituto, Antonio Lussón Battle, é membro da quinta do “26 de xullo”, vello compañeiro de Fidel e Che Guevara en Sierra Maestra. Ou sexa, toda unha renovación xeracional.

O cambio ministerial interprétase como unha nova purga, a mesma que sofren todos aqueles que teñen a coraxe de disentir co partido único (e co sindicato único). Pasoulle no seu día a Roberto Robaina e tamén a Felipe Pérez Roque, noutrora homes de confianza de Fidel e agora condenados ao ostracismo. No relativo aos medios de comunicación tampouco hai cambios significativos: Granma segue a ser o voceiro oficial do pensamento único do PCC, como o foi Pravda para o PCUS. Sen sinais de cambio no horizonte.

08/05/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión