Despois da recolleita


María Xosé Lamas

Despois da recolleita, a poda; a continuación a sacha e agora hai que sulfatar... tarefas indispensábeis para poder vendimar a comezos do outono. Todo iso nas ribeiras nas que cada escada é unha aventura.

Son de terra a dentro., onde non se dan as cepas, onde só algunhas parras penduran facendo alpendre sobre as entradas das casas, cuxa colleita non dá máis que para saborear catro uvas amargas.

Aquí tamén viviu o Golpe,que tiña –e aínda se conserva- o seu emparrado para dar sombra na soleira da porta. Alí sentaba entre lusco e fusco a esquecer as tarefas do día, case sempre cunha zoca na man á que adulaba ou daba os derradeiros retoques para ser usada. Era zoqueiro. Ese oficio xa esquecido do que se serviu tanta xente cando as zocas eran o único calzado posíbel e accesíbel. Chinelas, calugas ou zocas de cana… de todo facía con esmero e tento cos escollidos toros de bidueira que tiña amoreados na choza.

De novo percorría a bisbarra de casa en casa para prover de calzado a familias enteiras para todo o ano. Tamén facía zocas de todos os estilos co fin de vendelas nas feiras. Cando despuntou o comercio e chegaron os primeiros zapatos de pel e coiro ás tendas da vila, o seu labor comezou a desdebuxarse paseniño. Pero el soubo adaptarse aos tempos reconvertendo o seu traballo en obradoiro de arranxos: xa non só era dos poucos zoqueiros que ficaban, senón, paraugueiro, afiador, barbeiro, e todo o que cadrara.

Non obstante, nunca esqueceu a súa arte. Dado que as zocas xa non eran necesarias para o seu uso primario, comezou a darlles outro fin: o de ornamento. Así, construíu as mesmas ferramentas que usaba para zoquear en miniatura, co propósito de facer zoquiñas ananas que unía cunha sedela e servían como adorno colgadas cunha ventosa nun coche ou para colocar sobre un moble na casa. Ao rematar cada par de zocas, repuxábao, vernizábao e moitas veces dáballe cor. Así mudou o seu oficio nun arte co que se deleitaba, e que lle axudaba a esquecer as tarefas máis ruíns do agro, todas as tardes debaixo dos serodios acios da parra pendurada sobre a súa soleira.

Mais, na súa mesa non faltaba un garrafón de viño da Ribeira Sacra, un tinto escuro e gordo que manchaba a cazola cando se botaba enriba do pan con azucre para facer as sopas de cabalo canso, como el lles chamaba.

08/06/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión