En tempos da República


María Xosé Lamas

Todos sabemos que a adolescencia é unha etapa psicolóxica marcada pola inestabilidade emocional, onde cada individuo loita, moitas veces consigo mesmo, para reafirmarse como persoa tanto de xeito individual como en relación coa sociedade. É, por tanto, un período de asimilación que define a personalidade de cadaquén. E o Golpe viviuna inserido na “máxica” sociedade republicana.

Contaba con enorme gozo a riqueza cultural na que vivira: Había escola pública e gratuíta, non de a ferrado, como adoitaba noutros tempos; a casa da escola, construída naquela época, convertérase nun centro cultural, con salón para diversos actos e biblioteca pública.

O fin era que estivera todo o mundo alfabetizado, e conseguiríano se esta etapa política e social durase uns anos máis.Tamén se reducira o poder do clero, cousa que ao Golpe o marcaría para toda a vida. Cría en Deus, mais rexeitaba a Igrexa como institución xerárquica. Cada vez que se vía obrigado a asistir a un acto relixioso, bautizo, voda, enterro ou cabodano, ficaba no atrio parolando con outros que quedaban fóra. Rexeitaba aos curas e a todo o que representaban.

Entendo o que puido sufrir durante corenta anos de ditadura. Lembro que en calquera reunión familiar remataba falando de política arremetendo contra a ditadura de Franco e todas as súas manifestacións. Chegaba a enfurecerse e a falar moi alto, cousa que axiña lle reprochaban dicíndolle que calquera día o había escoitar alguén da secreta e había de rematar no cárcere por “vago e maleante” . El calaba, entón, rosmando polo baixo. Á fin, xa na senectude puido gozar da democracia. Gozar coma ninguén da liberdade de expresión. Votar en referendos e eleccións enchido de satisfacción.

E non só o Golpe pensaba así. A súa ideoloxía republicana e de esquerdas era compartida pola súa dona, que non cansaba de repetirnos unha e outra vez o feliz que fora nos tempos da República, contándonos anécdotas vividas, sobre todo os domingos polo serán nos bailes do salón da escola, cando se xuntaba un cuarteto de gaiteiros, ás veces con acordeón incluído e bailaban sen parar ata a noite pechada; da biblioteca chea de libros que contaban de todo: natureza, plantas, menciña, política, e moitas novelas e pezas de teatro que desaparecerían por completo ao subir ao poder o ditador.

“Aqueles si que eran tempos” era a súa frase de inicio para calquera comentario sobre a época. E, certamente, fora así: tempos nos que asimilar que a xente debía pensar por si mesma, sen ningún tipo de coartación; tempos nos que a cultura estendida a todas as persoas as faría libres; tempos nos que desaparecerían os súbditos para dar paso aos cidadáns con plenos dereitos e deberes. Tempos, á fin, que deixaron pegada naqueles adolescentes para que nos anos escuros tiveran luz que os alumase para atravesar o túnel e chegar de novo ao resplandor da democracia.

29/06/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión