Entrega dos premios na II Xornada de Xogos Tradicionais

¡Redacción

Onte á tarde, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, desprazouse até Muimenta para entregar os premios de diferentes xogos tradicionais e clausurar a xornada de Xotramu, a festa de xogos tradicionais de Muimenta. Antón Bao estivo acompañado da tenente de alcalde nacionalista da Pastoriza, Elba Carreira, así como do director do INLUDES, Luís Edrosa, e o alcalde máis concelleiros das tres forzas políticas de Cospeito. Antón Bao foi o encargado de entregar o premio ao vencedor do aberto de billarda, chamado “aberto da filloa” (porque o premio consistiu tamén nun feixe de filloas – produto típico de Muimenta), que resultou ser o xogador local Miguel Morán.

A Área de Cultura e Deportes da Deputación, desde a entrada do novo goberno, ademais do decidido e firme apoio ao asociacionismo lucense, ten como unha tarefa a desenvolver a promoción dos nosos xogos tradicionais porque forman parte do noso patrimonio cultural, material e inmaterial, de Lugo e do país, e tamén porque potenciando estes xogos estamos poñendo de relevo características propias, a identidade propia deste país, e a través deles outros elementos como a lingua.

Antón Bao felicitou aos organizadores do evento e a todas as persoas que participaron nel e destacou que grazas a iniciativas deste tipo a xente pode volver a interesarse nos xogos tradicionais. Do mesmo xeito, Antón Bao puido practicar diversos xogos dos que se practicaron durante a xornada e ratificou o apoio da Área de Cultura da Deputación para o ano que vén, e lanzou o reto de participar nos xogos o vindeiro ano.

Este ano a organización de Xotramu conseguiu duplicar o número de campos de xogo, chegando a 40, e houbo mostras e xogos espectaculares doutras nacións, como exhibicións de levantamento de pedras ou corta de árbores do País Vasco. Moitas persoas participaron xa desde pola mañá nos diferentes xogos tradicionais e compartiron un xantar nun lugar habilitado pola organización no propio recinto.

A asociación Xotramu vai centrar parte dos seus esforzos, ademais da propia organización deste evento anual, en difundir a práctica dos xogos tradicionais por diferentes comarcas luguesas, facendo fincapé en aprender estes xogos aos máis pequenos, para o que colaborarán con outras asociacións e sobre todo centros de ensino.

07/06/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión