'A escritoria na súa terra': Homenaxe a Marilar Aleixandre

Redacción

A homenaxe A Escritora na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega este ano a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura de Marilar Aleixandre, que será homenaxeada o sábado día 5 de xuño en Santiago de Compostela.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Aelg, e tense constituído ao longo de máis dunha década como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural.

Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor, e que neste caso é un abruñeiro), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a.


• PROGRAMA DE ACTOS

Sábado, 5 de xuño de 2010

11,45 horas
Parque Avda. de Barcelona
Santiago de Compostela
Plantación dun abruñeiro (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo.
Descubrimento da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao parque.
Interveñen:
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg
Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg
Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela
Marilar Aleixandre

13,00 horas
Salón Nobre do Pazo de Raxoi
Santiago de Compostela
Acto de entrega da “Letra E”
Interveñen:
Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg
Ana Romaní: Laudatio
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas
Intervención da homenaxeada: Marilar Aleixandre

14,30 horas
Hotel-Restaurante “Palacio del Carmen”
Rúa das Oblatas s/n, Santiago de Compostela
Xantar de confraternidade aberto aos/ás socios/as da Aelg, á vecindade de Santiago de Compostela e demais persoas interesadas.


• MARILAR ALEIXANDRE

As redeiras zurcen na beira do mar sólidas tramas para a auga, teas de cánabo que apreixan no esvarar líquido a carne do océano. De fondo a memoria das baleas, o seu despece nas rampas de Gures, unha memoria en branco e negro, esa foto documento. Así constrúe Marilar Aleixandre obra e biografía, a arte das redes, apreixar no esvarar líquido dos días a carne do océano, iso que nos contén e nos desvela. E para iso decide lingua, xénero, memoria, relato critico, intervención, ningunha vertixe a poucas maiúsculas, lonxe da grave afectación. De rastrearmos os nós do tecido a renovarse en cada marea apuntaríamos: as sombras da familia, as dobras da impostura, as esquinas da traizón, os pespuntes dos clásicos, as agullas da desmemoria, as costuras dos soños…

Esta viaxeira, prendida noutro tempo dos escaravellos, aprendeu a escribir redactando panfletos, pero antes a ollada xa mudara nas xuntanzas clandestinas do feminismo e da resistencia antifranquista. Dese mirar atravesado nútrense os seus libros. Á sombra dun abruño ou do espiñeiro desminte os lindes entre a bioloxía e o poema, le a Anne Sexton, traduce a Silvia Plath, atesoura as palabras do idioma que escolleu, e escribe cartografías da vida cunha lingua partida e a paixón polas causas perdidas, esas que son soños antes de se facer realidade.



• ANTERIORES MERECEDORES DESTE GALARDÓN

I Edición . 1995 . Boa, Taramancos
Antón Avilés de Taramancos
II Edición . 1996 . Cangas do Morrazo
Benardino Graña
III Edición . 1997 . Outeiro de Rei
Manuel María
IV Edición . 1998 . Vigo
María Xosé Queizán
V Edición . 1999 . Gres, Vila de Cruces
Xosé Neira Vilas
VI Edición . 2000 . Parada do Courel
Uxío Novoneyra (póstumo)
VII Edición . 2001 . Ribadeo
Luz Pozo Garza
VIII Edición . 2002 . Vilalba
Xosé Chao Rego
IX Edición . 2003 . Nogueira de Ramuín
Xosé Fernández Ferreiro
X Edición . 2004 . Teis, Vigo
Salvador García-Bodaño
XI Edición . 2005 . Ourense
Pura e Dora Vázquez
XII Edición . 2006 . Vigo
María do Carme Kruckenberg
XIII Edición . 2007 . O Valadouro
Manuel Lourenzo
XIV Edición. 2008 . Melide
Xosé Vázquez Pintor
XV Edición. 2009 . Vilalba
Agustín Fernández Paz

04/06/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión