I Encontro de Literatura de Viaxes, do 20 ao 27 en Compostela

Redacción

O primeiro Encontro Internacional de Literatura de Viaxes -LITVI 2010- celebrarase entre o 20 e o 27 de xuño dentro da programación deseñada para o Xacobeo 2010. O domingo pola tarde tivo lugar nas instalacións da Alameda compostelá o acto oficial de apertura que contou coa presenza do escritor e ex ministro de Cultura César Antonio Molina, amais do conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, Roberto Varela, e do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo.

Como actividade previa á inauguración do Encontro, ao mediodía chegaron á capital de Galicia un grupo de autores e xornalistas vinculados ás literaturas de viaxes que percorreron, en tres etapas e en autobús, o Camiño Francés desde a poboación navarra de Estella para promocionar esta ruta xacobea.

Neste proxecto, enmarcado no Ano do Libro e da Lectura, participarán autores, profesionais, editores, axentes literarios e lectores, en xeral, de todas as áreas que rodean ao xénero literario de viaxes. Os obxectivos desta primeira edición do encontro literario son, segundo se expuxo na presentación do evento, crear unha plataforma valiosa para o sector, de carácter internacional, e chegar ao gran público.

A programación conta, entre outras actividades, con encontros con autores, un congreso temático sobre as literaturas do Camiño, ciclos de conferencias, mesas redondas e unha Feira Internacional de Dereitos. Ademais, o evento sobre viaxes complementarase con espectáculos de animación na rúa, campañas de difusión, comunicacións e encontros coa prensa.

Durante o desenvolvemento do LITVI 2010 as mulleres protagonizarán un ciclo específico, cuxo obxectivo é pór en valor o traballo e o papel que xogan as mulleres no campo da literatura de viaxes, que comprenderá conferencias, debates e encontros cos lectores por parte das protagonistas. Soledad Puértolas, Luisa Castro, Marilar Aleixandre, Susana Fortes ou Cristina Morató son algunhas das autoras que participarán.

Así mesmo, os lectores que queiran tomar un café acompañados dos seus escritores favoritos poderán facelo no marco do Encontro Internacional de Literatura de Viaxes. A idea dos organizadores deste evento literario é que as persoas interesadas poidan coñecer as pequenas claves das obras dos seus autores preferidos, ou exporlles os seus propios puntos de vista e as sensacións experimentadas grazas á lectura. Entre outros escritores, nesta iniciativa denominada "Café con..." participarán Javier Reverte, Julio Llamazares, Soledad Puértolas, César Antonio Molina, Paco Nadal, Xavier Queipo ou Susana Fortes.


21/06/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión