Martín na lembranza


Bernardo García Cendán

Meu amigo Paulo: Pedíchesme que escribira algo sobre Martín e cústame moito porque as ideas amoréanseme na cabeza e non sabería cal delas escoller para deixar n´A Voz de Vilalba a lembranza dun vilalbés que amou fondamente ao seu pobo. Un día díxome a Sara que Martín non sería o mesmo sen Vilalba nin Vilalba será o mesmo sen el. E creo que ten razón. pero a súa obra queda feita e nela queda semente. Foi un auténtico militante das súas ideas e iso non se esquece. Como ti ben sabes, políticos hai a mans cheas, pero militantes que poñan ideas por riba doutros intereses non son abondosos. Un dos seus fillos comentábame diante do seu cadaleito que, ao ver as expresións de condolencia, sentía orgullo de ter recibido de seu pai a mellor das herdanzas. Agora mesmo, meu amigo, non sabería escribir algo diferente do que lin ao final do seu funeral e aquí cho deixo por se che serve:

No nome da familia, grazas.

A terra volve sempre á terra. O po volta ao po.

Esta terra chairega que foi Martín volve de novo á terra vilalbesa

na que aprendeu os pasos primeiros, fundamentais na vida,

a beira do río que o facía soñar,

contemplado desde a fiestra onde despediu o mundo.

Os seus amigos dicímoslle adeus coa ofrenda da nosa memoria

para que nela viva, siga a vivir, renovadamente,

cando agromen as árbores,

cando os pardais e os merlos inventen a canción de cada primavera.

E máis aló, onde os nosos ollos non chegan, onde as nosas ideas se perden,

alí no misterio, vivirá para sempre na memoria inmorrente que chamamos Deus.

Gozou moito Martín da amizade, confiou sempre na forza dos corazóns amigos,
viviu apaixonadamente as ideas nas que confiaba,

foi xeneroso ata o mesmo final,
ata máis aló do seu final:
a tristura da súa partida estará agora mesmo
a ser gozo profundo dos que recibiron saúde

mediante os órganos do seu corpo dos que fixo ampla doazón.

Grazas a todos vós por estardes aquí,

grazas por achegardes á nosa familia, á de Martín, o recordo amoroso
de canto el representou.

22/06/2010

1 comentários :

  • Unha fermosa lembranza, propia de quen dispón dun enorme vitalismo e o sabe transmitir aos demáis.

    PD. Por certo, que dirán agora ises que se fixeron co PSOE en Vilalba?. Cando Martín chegou, a comezos dos 90, non tiña ningún concelleiro. Cando se marchou, tiña seis.

    11:23 do 23 de xuño de 2010

Danos a túa opinión