O tempo das ideas


Moncho Paz

Agachada tras os malos datos económicos, sobrevive no Estado español a crispación política, rodeada de enerxía negativa, o alimento que precisa para subsistir. Se ben é certo que boa parte do paquete de medidas contra a crise aprobadas in extremis no Congreso dos Deputados chega tarde, tamén o é o feito de que son necesarias –aínda que insuficientes– para comezar un novo rumbo que permita recuperar a confianza perdida pola maioría dos cidadáns.

Queda por saber que acontece finalmente coa reforma laboral e con outras decisións pendentes, como a redución de ministerios, que non poden demorarse máis. Porén, a condición sine qua non é que haxa transparencia e as distintas forzas políticas amosen –sen excepcións– a súa vontade de chegar a consensos de “salvación estatal”, por riba de cuestións ideolóxicas.

Dende logo, non ten sentido aproveitar estes intres de dificultade para obter rendabilidades electoralistas, utilizando as comparecencias cotiáns en medios para facer declaracións demagóxicas e destrutivas, que non conducen a ningures e non aportan ren. Sexamos serios: a opinión pública demanda que os representantes políticos que elixiu estean á altura das circunstancias, como indican as últimas enquisas do CIS. Pero hai algúns líderes -doentes de ansiedade pola súa especial querencia polo poder a calquera prezo- que son capaces de empregar, unha vez máis, a estratexia do “todo vale”. E non é así.

Temperanza, señores, e altura de miras, que é o que todos precisamos hoxe. O seu momento chegará cando cumpra, porque a alternancia é sa en democracia; pero co actual panorama económico un adianto electoral sería imprudente e levaría un parón estrutural demoledor. Imaxinen un cambio de Goberno: rosario de atrasos, derogacións, matices, nomeamento de novos altos cargos, decisións apresuradas e… máis improvisacións. Pensemos en positivo, xuntos, que é o verdadeiro xeito de atallar os problemas. Hai que recuperar o tempo das ideas e deixar atrás as ocorrencias.

5 de xuño de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión