Obras no estadio "Manuel Luna" de Pol

Redacción

Onte á mañá o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, desprazouse até Pol para comprobar o avance das obras sufragadas pola Área de Deportes da Deputación que se están a acometer no campo de fútbol “Manuel Luna”. Antón Bao estivo acompañado por membros da directiva do club SD Pol e por técnicos que dirixen a obra, polo que o vicepresidente puido coñecer os pasos que se ían dando ao desenvolver o proxecto e as necesidades que van xurdindo conforme avanzan as obras. Estas obras foron moi demandadas desde hai tempo e agora, grazas ao investimento de ao redor de 190.000 euros por parte da Área de Deportes da Deputación, van solucionar as graves deficiencias que presentaban as instalacións deportivas para a práctica deportiva, tanto no seu terreo de xogo como nas gradas, realizando para elo unha remodelación integral do terreo de xogo e a nova construción dun graderío cuberto.

Antón Bao puido observar como as obras van progresando conforme aos prazos previstos e tamén o importante desnivel que presentaba o terreo de xogo, polo que para solucionalo houbo que realizar un movemento de terras moi grande, logo do que está instalando mediante capas de grava verticais un sistema de drenaxe que evita a acumulación excesiva de auga na superficie de xogo. O vicepresidente da Deputación comentou cos técnicos e cos responsábeis da SD Pol as particularidades do sistema de rego circulante que se vai instalar, xa que reutilizará a auga recollida polo sistema de drenaxe cara un depósito de acumulación para regar o propio céspede, supoñendo un aforro considerábel á hora do seu mantemento.

O proxecto de acondicionamento do campo de fútbol “Manuel Luna” sitúa o novo espazo para as gradas no lateral oposto ás que existen actualmente coa finalidade de mellorar a súa orientación e tamén por seren as antigas completamente rehabilitábeis. As novas gradas estarán construídas de formigón cunha cuberta de chapa metálica, sustentada por unha estrutura de madeira laminada. A maiores, a Área de Deportes da Deputación dotará do equipamento necesario este espazo achegando ata o campo de fútbol dous módulos de banquiños de oito prazas de asento con cuberta transparente de policarbonato. A todo isto hai que sumarlle a adquisición de dúas porterías fixas e a colocación, ao redor do perímetro de xogo, un valado similar ao existente.

Na súa visita ás obras do “Manuel Luna” de Pol, tanto o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, como os directivos da SD Pol e os técnicos amosáronse moi optimistas sobre o resultado das obras do campo de fútbol, unha vez que comprobaron que avanzan segundo os prazos marcados, o que vai permitir ter unhas instalacións óptimas para a práctica deportiva na vindeira tempada.

11/06/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión