Os goles do xornal The New York Times


Fermín Bouza

A folga de funcionarios, o xuíz Garzón e o uso político do Campionato do mundo de fútbol son tres temas das últimas horas no The New York Times, un dos mellores diarios do mundo, ou se cadra o mellor.

Teño a honra de contestar con certa frecuencia aos seus hábiles interrogatorios telefónicos, e a súa lectura é unha rutina necesaria para min. Nada en contra, por tanto. Nas súas follas síntome como na casa, e é unha grande voz mundial. Ten a vantaxe da mellor prensa anglosaxoa: nunca están de acordo consigo mesmos, e dependendo do correspondente, o columnista ou a nova, o punto de vista pode ser moi diferente no mesmo xornal.

Todo moi distinto ao chamado "modelo mediterráneo" no que nos movemos aquí, no que se circula aínda a base de consignazos (en xeral, coas excepcións que vostedes queiran de persoas e rotativos. Consignas que se poden intuír cada día e que aburren e avergoñan.

The New York Times é un modelo de xornalismo de calidade, de debate e de oportunidade. Con España están moi duros, e non só con Zapatero: non lles gusta o que pasa e dino. Ás veces trabúcanse. Dicir que o goberno usa á selección é algo novo e absurdo, creo, ou polo menos eu non notei nada. Por que? Cal é o dato que corrobora ese aserto? A selección é moi boa e gaña partidos, pero un mundial é o suficientemente difícil como para que ningún goberno ouse seguir a sorte da súa selección. Unha parvada de The New York Times, que tan poucas enuncia.

Por certo: a folga estivo á altura do desconcerto de todo o mundo. É o momento, ou se está achegando, para que o goberno explique con maior precisión e capacidade de convencemento por que fixo os axustes e por que os fixo deste xeito e non doutro. Ten as súas razóns, seguro, e a xente, que non se botou á rúa aínda, nin creo que o faga, debe recibir máis e mellores comunicacións. Os dirixentes dos sindicatos saben tamén que se convocan folgas sen o respaldo suficiente, será desde o interior dos seus propios sindicatos desde onde lles axusten as contas e os conviden a unha reflexión sobre os fracasos e as inoportunidades. Sendo tempos de paz, será só cunha reflexión, aínda que en voz alta. Ollo todos ao parche, que os tempos nos esixen seriedade a todos: ao goberno, aos sindicatos, á oposición... a todos.

09/06/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión