Presentación da 'Gran Enciclopedia do Camiño'

Redacción

O emblemático hospital de peregrinos compostelán, hoxe Hostal dos Reis Católicos, acollerá o luns ás 20:00 h. a presentación da Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea, unha ambiciosa obra que por primeira vez, reúne alfabeticamente toda a información relacionada coa cultura xacobea para solucionar de forma rápida e sinxela calquera dúbida.

A presentación estará presidida polo arcebispo compostelán, Julián Barrio, ao que acompañarán, entre outros, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, o director da obra, Manuel Rodríguez, e José María Ballester, ex director de Cultura e de Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa e actual vogal do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, dependente do Consello de Europeo. Ballester foi, xunto con Marcelino Orella, o principal promotor da declaración do Camiño de Santiago como primeiro Itinerario Cultural Europeo, o cal contribuíu de modo decisivo a relanzar novamente a Ruta Xacobea.

Así mesmo, participarán no acto autoridades eclesiásticas como o deán da catedral de Santiago, José María Díaz, académicos, políticos e diversas personalidades do ámbito cultural e social. Tampouco faltará boa parte do medio centenar de redactores que colaboraron na obra, así como algúns dos fotógrafos responsables do espectacular apartado gráfico da publicación, dirixido por Per Rueda, que conta con máis de 2000 fotografías e gravados, ademais do centenar de mapas e gráficos que complementan a información escrita e dotan á obra dunha gran beleza formal.

As imaxes da península, realizadas por recoñecidos fotógrafos, reflicten os lugares máis destacados pola súa importancia histórica, arquitectónica, artística, etc. Moitas delas preséntanse a dobre páxina e, xunto coas imaxes históricas, constitúen unha das coleccións fotográficas máis impresionantes da cultura xacobea. Tampouco faltan imaxes de Europa, así como doutras partes do mundo, achegadas por colaboradores procedentes de lugares tan remotos como China, Xapón ou Brasil.

Enciclopedia europea
No entanto, o groso da temática circunscríbese ao ámbito europeo, posto que a Ruta Xacobea tivo unha importancia capital na súa configuración actual. Manolo Rodríguez asegura que ao longo da obra pódese observar “como o Camiño de Santiago permitiu forxar unha cultura común europea”. Por este motivo elixiuse a capital europea, Bruxelas, para facer a primeira presentación pública da enciclopedia, na que participou o presidente do Intergrupo Parlamentario dos “Camiños de Santiago”, o eurodeputado Francisco Millán Mon, quen asegurou que a elección desa cidade era un “recoñecemento da dimensión europea do Camiño”.

A Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago repasa o pasado e presente desta gran ruta a través de case 3000 mil entradas nas que teñen cabida desde personaxes lendarios ata peregrinos históricos de todo o mundo, pasando polos camiños e as súas poboacións, tradicións, gastronomía, arte etc. O traballo complétase cunha precisa cronoloxía que simplifica a consulta, e cunha amplísima bibliografía de alcance internacional con máis de 700 referencias que se actualizaron ata principios deste mesmo ano.

Catorce cabeceiras líderes
Editada por unha firma galega, Edicións Bolanda, a obra constitúe un ambicioso proxecto que se distribuirá por diversas canles tanto en España como en Europa, e que pode consultarse na páxina web http://www.granenciclopediadelcaminodesantiago.com/.

A maiores desta distribución, nesta primeira fase a obra repartirase con 14 cabeceiras xornalísticas, a maioría delas líderes nas súas comunidades autónomas e cuxa audiencia diaria supera con fartura o millón de lectores.

6 de xuño de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión