Presentase a obra completa de García Mato

Redacción

O vindeiro venres, día 11 de xuño, ás 20´30 horas, o Instituto de Estudios Chairegos organiza a presentación, no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, da Obra Completa de Xosé Luís García Mato, financiada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

A recollida e ordenación da materia prima literaria que compoñen os dous volumes desta obra foi realizada por Xosé Luís García Ferreiro, o fillo maior de Xosé L. García Mato-. A Obra Completa conta con estudos de Darío Xohán Cabana, Agustín Fernández Paz e Bernardo García Cendán, que analizan respectivamente os escritos de poesía, relatos e xornalísticos.

No acto de presentación intervirán Antón Bao, Vicepresidente Primeiro da Deputación; Xosé Luís García Ferreiro, fillo do autor da obra; Darío Xohán Cabana, poeta e prologuista do libro; Bernardo García Cendán, sociólogo e prologuista do libro, e Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA.

Xosé Luís García Mato (1924-1980), fillo de Antonio García Hermida (1885-1939), poeta, cofundador da Irmandade da Fala de Vilalba, e sobriño-neto de Manuel Mato Vizoso (1846-1909), foi un dos piares fundamentais do quefacer cultural de Vilalba no século XX. Ademais dunha fermosa obra poética e en narrativa, escribiu centos de artigos en diferentes xornais e nos programas das festas patronais vilalbesas e fixo achegas moi importantes ao estudo da historia da Terra Chá.

En palabras escritas polo patriarca chairego Manuel María no prólogo do libro: Seis escritores de Villalba. Escola poética, publicado polo Colexio Público Antonio Ínsua Bermúdez, en 1986: Xosé Luís García Mato “pra nós era Vilalba: o seu escuro, poderoso e grorioso pasado. Mais tamén unha indomabel chama apaixoada,ardendo xenerosa, alumando o tempo menesteroso que lle tocou vivir (...) esa chama segue ardendo nos seus versos de amor á terra e de descobremento máxico do home, no que este ten de arrepiante, de ledo e de gozoso”.

10/06/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión