Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO


Demagoxia e hipocrisía


Antonio Cendán Fraga

Ninguén coñece mellor que as clases dirixentes as diferentes formas de disfrazarse ante a cidadanía en situacións de crise coma as que se están a vivir. O mellor exemplo acábano de dar os cargos públicos co seu sempre suposto recorte de ingresos. Preténdennos coar un falso exemplo de apertar o cinto cando dan a coñecer os seus sacrificios da forma máis apócrifa e demagóxica posible, tratando a cidadanía de xeito insultante, como se eles fosen os grandes prexudicados pola situación económica.

Pero nada máis lonxe da realidade. Se os cargos públicos accederon aos postos que agora desempeñan lexitimamente, foi por unha decisión persoal súa, aínda que sempre se refuxien en escusas coma o deber da función pública e as obrigas contraídas co electorado. Calquera outro profesional que non se adique ao mundo da política sabe que ten que ter unha vocación a proba de bomba, facendo moi escasas veces públicas as súas reivindicacións e alto nivel de responsabilidade, ou os males que o azoutan, moito máis fortes que os dos cargos públicos que, falando claro, son algúns dos grandes privilexiados desta sociedade.

En vez de darlle tanta publicidade á diminución dos seus salarios, poden elixir outra adicación ou mudar o seu rol social co de moitos cidadáns e así poderían comprobar o divorcio que existe entre eles e o mundo que din representar. Con todo, esas rebaixas salariais, que están arredor do 12 por cento, non deixan de ser simbólicas, tendo en conta que as súas remuneracións salariais medias sitúanse en torno aos 90.000 euros, cando unha familia que ingrese a metade desa cifra se dá cun canto nos dentes.

Porén, os representantes sociais seguirán a contar con suculentas axudas de custo, ademais doutros emolumentos que non os deixará pobres nin terán o máis mínimo problema para chegar a fin de mes. E non é só iso, xa que os actuais cargos que ocupan, a moitos deles serviranlles de trampolín para, chegado o momento, dar o salto á empresa privada, e non polos seus méritos, senón polos grandes contactos que se xeran dende un escano no Hórreo, Madrid ou a poltrona dun concello, que tamén son un valor engadido.

Todo o que estamos a ler na prensa e a escoitar nos medios audiovisuais é a representación dun nefasto melodrama teatral no que os seus actores están magnificamente ensaiados para facer demagoxia da máis barata e do nivel máis rastreiro. A impresión que transmiten é hipócrita e indigna.

01/06/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión