A caixa de música

Xavier P. DoCampo

Xa contei noutras ocasións esta historia que teño coma unha das mais fermosas metáforas da loita por aquilo que tememos perder.

Nun deses terremotos que de cando en vez asolan os lugares nos que se asenta a pobreza apertando firmemente aos homes e mulleres que os habitan, as persoas que traballaban na procura dos que puidesen ficar sepultados por embaixo de moreas de pedras e escombros, deron en sentir ao lonxe unha musiquiña. Era o son metálico das caixas de música, ese xoguete que pode ser un dos máis fermosos que existen. De primeiras non lle deron máis importancia, aló no fondo dunha desas caixas, aeguramente esbandallada, ficara en funcionamento o seu mecanismo. Continuaron co seu penoso e xeneroso traballo e decatáronse de que a música cesaba. Acabáraselle a corda ao aparello. Pero ao pouco pareceulles volver sentir o son alegre da música. Pediron silencio a todos cantos se afanaban arredor en retirar os restos das casas caídas. Volveu parar a música. Agardaron e de novo cantou a caixiña.

Interpretaron que se a música ía e viña, alguén a tiña que manipular. Traballaron arreo horas e horas, con esa impaciencia e ese coidado co que deberán facerse estes delicados labores. Aló, enterrada moi fondo atoparon unha velliña que non podía facer máis movemento que o de abrir e pechar a tapa dunha caixa de música dentro da que unha bailarina vestida de rosa daba voltas. Unha caixiña que seguramente a acompañaba na súa mesiña de cabeceira desde os afastados anos da infancia e agora dáballe a vida.

Eu amaría sempre esta historia aínda que non se lle puidese tirar máis sabedoría e aprendizaxe có que nos lembra o que a música ten de salvador, mesmo de sandador nas nosas vidas. Esta arte suprema, que desde o principio dos tempos brillou sobre da calquera outra, e antes de nos chegar gardada en sistemas de reprodución mecánicos ou electrónicos ou de crear unha forma de transcrición que atravesou tempos e linguas, acompañou a Orfeo cando baixou aos infernos na procura da amada Eurídice e iso, sen gravación nin partitura, fica en nós a salvo de calquera avatar ou hecatombe que nolo queira arrebatar, porque está unido á mesma idea do amor o que nos fai capaces de sentir dentro de nós a música orfeica coma un canto que nos di que ha volver a nós o amor que nos abandonou.

Pero tamén esta historia me fai pensar na forza que nos dá aquilo que amamos e gardamos por enriba do tempo e máis aló dos lugares nos que habitemos. Esas cousas que levamos con nosoutros cando nos vemos obrigados a mudar a nosa residencia, que lles damos valor alén do desprezo que por elas sintan os que nos rodean. E daquela levamos canda nós, cheos de fachenda e armados do cariño que lle temos, porque, estou seguro que é o agasallo que atesoura a lembranza dunha fermosa historia de amor, a caixa que garda a melodía que nos arrola nas noites de invernía.

A muller que abre e pecha a caixa de música é, arestora, un símbolo do pobo galego que, no medio da destrución e sometido ao imperioso poder dos cascallos que o esmagan e inmobilizan, abre e pecha a caixa do idioma para que poida ser encontrado no medio do mundo. A música que sae desa caixa é a nosa lingua, as palabras que nos dan un lugar no mundo, as que fan que se nos sitúe no mapa do universo á par coas outras moitas que nos din doutros pobos e doutras xentes.

Cada vez que dicimos orballo, paxaro, muxica, abidueira, pícaro… estámoslle dicindo ao mundo enteiro que nos procure por embaixo dos cascotes que nos queren ocultar, que non deixe de remexer nos rebos mentres se escoite a nosa fala por embaixo deles.

A música da nosa fala, gardada na caixa da alma, alí onde lle vai dando nome aos nosos sentimentos máis íntimos, tamén é un agasallo dos nosos, dos que nos precederon no seu uso e que gardamos con amor e coa esperanza de que tamén aos nosos fillos e netos lles sirva como xeito de se recoñecer no universo como o que son: fillos e netos de nós.

Por iso me gusta tanto isto da muller salvada pola caixa de música como metáfora da caixa/alma que garda a lingua galega. Porque mentres a conservemos coma o noso ben máis prezado, coma a obra de arte máis marabillosa que nos adorna, aquela que foi construída polos nosos devanceiros a través da historia para nos dar a nós voz e ao mundo un pouco máis de espesor. Entón cando chegan terremotos que pretenden negarnos o dereito á nosa música/palabra, á que sae da caixiña do noso peito, seremos salvados por este son que nos identifica e que, desde o fondo da nosa historia dános un lugar propio na pel do mundo.

24/07/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión