Certame Galego de Narracións Breves “Modesto Rodríguez Figueiredo”

Redacción

Vilagarcía será por vez primeira a sede do Certame Galego de Narracións Breves “Modesto Rodríguez Figueiredo” que no 2010 acada a súa trixésimo sexta edición. O premio literario, que hoxe, 25 de xuño, se presentou na capital arousán, está organizado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro. O seu secretario, David Otero, subliñou que o feito de escoller este ano o municipio vilagarcián é un “recoñecemento á implicación que no eido da promoción da narrativa e do uso do galego está a demostrar o Concello de Vilagarcía”.

Neste mesmo sentido, o concelleiro de Cultura Xosé Castro Ratón, lembrou que este 2010 está a ser para Vilagarcía un ano especialmente intenso no que a convocatorias co ámbito literario ten que ver. Castro lembrou que recentemente vense de presentar os fallos do premio de relatos curtos Xaquina Trillo e o premio de poesía O Grelo, e que aínda está aberto o prazo para a presentación de obras ao premio de Poesía Fermín Bouza-Brey, convocado polo concello vilagarcián.

Castro Ratón agradeceu á Fundación do Padroado Pedrón de Ouro o feito de elexir Vilagarcía e lembrou a “aposta decidida , e unha vez máis reflexada, do Concello polo proceso de normalización da nosa lingua e da nosa literatura”.

Nómina de gañadores
O Certame Galego de Narracións Breves “Modesto Rodríguez Feigueiredo” é un dos máis prestixiosos da narrativa galega. Como sinalou o secretario do Padroado Fedrón de Ouro, “non pola súa cuantía económica senón especialmente pola súa traxectoria e porque xa se consolidou como un referente no que ao impulso e ao promoción de escritores se refire”.

O premio vense convocando ininterrumpidamente dende 1975. Naquela primeira edición foi gañado por Xosé Luis Méndez Ferrín. Entre a nómina de galardoados nos seus 36 anos de historia figuran nomes consagrados das letras galegas como Xosé Manuel Martínez Oca, Xavier Alcalá, Víctor Freixanes ou Suso de Toro.

Bases
O primeiro premio do Certame Galego de Narracións Breves “Modesto Rodríguez Feigueiredo” está dotado con 1.000 euros. Se o xurado o considera oportuno poderanse otorgar tamén dous segundos premios dotados con 400 euros cada un.

O xurado estará composto por catro especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores e do Concello de Vilagarcía de Arousa. As persoas interesadas en participar nesta convocatoria deberán presentar as súas obras antes do 15 de novembro de 2010. Os traballos poderán enviarse tanto á sede da Fundación do Pedrón de Ouro como ao propio concello de Vilagarcía. Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Vilagarcía de Arousa na segunda quincena de decembro en día e data que se dará a coñecer oportunamente.

As bases deste certame poden ser consultadas e descargadas aquí.

13/07/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión