Cosmotrópicos, mañá na Sala Nasa

Redacción

Mañá venres ás 23:00 a sala Nasa de Compostela despide a tempada iniciando un novo programa: Cosmotrópicos, unha iniciativa que quere ser unha cita mensual para toda a xente que gusta de bailar, da música tocada ao vivo, dos ritmos tropicais e da mestura de culturas. Cosmotrópicos é un proxecto para traer a Santiago músicas da lusofonía, de Angola, Cabo Verde, Brasil, Sao Tomé, Mozambique... Pero tamén de Cuba, Venezuela, México.

Músicos galegos, africanos, brasileiros, portugueses e cubanos xuntaranse unha vez ao mes no palco da NASA para tocar ao vivo as músicas feitas para danzar, e recollerán así o espírito da desaparecida sala lisboeta B.leza. Nesta primeira festa cosmotrópica contarase coa visita dunha súper-banda que vén de Lisboa: Afro Vungo, un proxecto feito para rescatar e divulgar toda a riqueza musical que converxeu nas illas de Sao Tomé e Príncipe, con influencias doutros países do Golfo de Guiné, de Angola, Moçambique e Cabo Verde.

Afro-Vungo, liderada por António dos Prazeres 'Tonecas', o Trovador da Ilha do Príncipe, cantor, compositor e guitarrista de voz quente e melodiosa que interpretará grandes clásicos do acervo lusófono que renacerán agora con aires contemporáneos. Ao seu carón, o guitarrista brasileiro Virgilio Gomes, na bateria Mingau outro brasileiro que tamén vive en Portugal, nos teclados João Oliveira de Angola e no baixo Nelson Barbosa são-tomense residente na Galiza e que foi o armadanzas (nunca mellor dito) xunto con Uxía Senlle.
Como convidad@s asistirán: Sérgio Tannus (Brasil), Diana (Cuba) e Uxía (Galiza). Ademais, haberá petiscos brasileiros e mojitos cubanos.

08/07/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión