A noite da frouxeira

Xosé Mª. Felpeto

Un adolescente galego, estudoso das actitudes lingüísticas, tivo a ocorrencia de pedir nun bar “unha cunca de leite morno”, obtendo por resposta “…desa marca no te tenemos”. A conclusión do rapaz foi contundente: “Mira que non saber o que é o leite morno…! Haiche xente ben ignorante ho!”.

Non hai moito houbo nun centro educativo da nosa vila unha actividade na que a persoa que a dirixía preguntou ao alumnado se podía falar en galego, se a entendía todo o mundo (sic). Pensaría a oradora que estaba en Madrid?

Calquera das situacións anteriores non parecen normais nun territorio onde sempre se adoeceu de vontade política para conseguir a normalidade idiomática. Aínda así, foron xurdindo no eido educativo público tímidas iniciativas que, sen conflito algún, tentaron ir dando pasos cara á galeguización do ensino ao abeiro da lexislación vixente.

Mais velaí como cando parece que se albisca unha certa esperanza faise presente aquilo de “Un paso adiante e outro atrás, Galiza” do poeta Díaz Castro. Grupos de presión centralistas, en conivencia con desleigados do País, planifican con meridiana precisión unha farsa na que o agraviado é o idioma estraño, o estranxeiro, o que fora imposto á forza hai séculos. A xogada sae redonda e aquelas enchentes traen lameiras que crean un conflito que parecía superado.

É rotundamente falso que tivera roto a harmonía. Podo certificar que no instituto onde traballo a paz lingüística estaba asegurada coa práctica totalidade das materias en galego, como parece normal, porque a igualdade entre desiguais, ese falso 50% que vén ser un 33%, evidencia a inxustiza da suposta equidade. Case todo o mundo sabe por exemplo que é na idade infantil cando se fixan as estruturas lingüísticas cerebrais, e o decreto exclúe a nosa lingua, a lingua sociolóxica de Galiza, da maior parte desta etapa educativa. Será ademais a primeira vez en democracia que se impón o idioma alleo sobre o propio, con institucións coma a Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Consello Escolar de Galicia, o Instituto da Lingua Galega…, multitude de colectivos e a maior parte da sociedade galega en contra. Pola súa banda a Axencia Europea para as Linguas Minorizadas censura a política lingüística da Xunta. Estaremos todos trabucados?

Quen desgobernan Galiza serán responsábeis do “cráter na boca da humanidade”, da “chaga na gorxa da historia”, como ten dito Manolo Rivas, que creará a desaparición da nosa lingua. Traidores e validos de traidores lembran a noite da Frouxeira.

30 de xul. de 2010

5 comentários :

  • Xosé Mª Felpeto ten toda a razón que se lle poida otorga pois o Galego é a nosa lingua, a nosa cultura, o noso patrimonio, e como tal, temos que coidalo, usalo, promulgalo e por enriba de todo, sentirnos orgullosos del e de poder demostralo.

    7 de outubro de 2011, 21:59

  • farola rupestre gato catro

    3 de novembro de 2011, 18:45

  • Tes moita razón, benquerido Chema. O lamentable é que a nosa lingua estana volvendo a arrecantar para que viva outra longa noite de pedra. Non te sorprendas de moitas cousas, xa que recentemente vín unha revindicación nun xornal para que os nomes dos concellos aparecesen de xeito bilingüe, pero, cando menos que o fagan de forma decorosa, é dicir, que lle chamen EL Cerezo a Cedeira; Puerto del Sonido a Porto do Son; Ortigosa a Ortigueira; La Junquera de la Espadaña a Xunqueira de Espadañedo e un longo etcétera que ti sabes mellor que ninguén.

    Un saúdo.

    25 de febreiro de 2012, 20:21

  • Moi boas.
    Concordo en todo punto coa liña xeral do artigo. Este comentario é tan só pra puntualizar que nunca existíu a noite da Frouxeira...no poema de Ramón, como non podería ser doutro xeito coñecendo de primeira mao a toponimia, escríbese a noite da Frouseira.

    Este erro, que coma unha praga anda a estenderse, ten unha orixe moi precisa nun clérigo da zona de Valdoviño, que en xubilándose adicouse a interpretación recreativa da Historia e do seu maxín ocioso formouse a idea de non sere Praia da Frouseira, se non Praia da Frouxeira. Esta interpretación pseudointelectual rexeitada por calquera lingúísta serio, velaí os artigos de Alvaro Porto Dapena, tan vencellado a Vilalba,acadou un éxito inesperado entre os formalizadores modernos da Lingua Galega e deuse como válida. Ate o punto que ao aparecer en todo canto letreiro e cartaz oficial se imprimiu a mesma poboación nova, os vellos somos outra cousa,deu en falar de Praia da Frouxeira.
    Erro que xermolou, sen querer o autor da inventio, nunha progresiva rectificación do termo Monte da Frouseira, e Castelo da Frouseira no Valadoro, polo malfalado Frouxeira, que rematou mesmamente querendo rectificar o poema de Ramón Cabanillas que crara e meridianamente escribe, non podería ser doutra, Frouseira.
    Sen necesidade de recurrir a un anónimo poema do século XV, que glosa a detención de Pardo de Cela e onde se escribe: De min a triste Frouseira/ que por treyzón son vendida, aforraríamonos seguir espandindo este grave erro toponímico, unha outra maneira de arrecantar o idioma, en falando, e escoitando, cos veciños da bisbarra que seguen a dicir propiamente, como debe de ser, Frouseira e xuran e perxuran, a un servidor non hai unha semán, que na vida ninguén dixo Frouxeira, voz esta que lles soa moito mal.

    E por certo Cedeira non vén de Cerezo, nada que ver, senón de cetaria, lugar de cría ou abundancia de peixes ou cetáceos, cetus en latín pro o caso.

    Supoño que un pouco tarde de máis, pero ao mellor nunca vén de menos.

    Saudiñas.

    11 de xullo de 2012, 14:41

  • Realmente os españois son ben mentireiros, pero algún día os botaremos das nosas terras(quizas soe besta pero e o que hai que facer, somos galegos (galego-portugueses, come se prefira), non españois), son dunha cidade da coruña.., e podovos asegurar (como alumno) que ha igualdade lingüista e unha das comúns mentiras españolas, moitos amigos meus non saben falar galego, e din cousas como"le dijen", fizenle" nos seus intentos(escasos)por falalo...Isto dase pouco máis que na coruña,pero pronto se estendera se non facemos algo...
    Prosit:VIVA A CATALUNYA CEIBE DO IMPERIALISMO CULTURAL CASTELÁN!

    3 de decembro de 2013, 20:13

Danos a túa opinión