Novo libro do S.E. Terra de Viveiro

Redacción

Xa está nas librerías da comarca mariñá a nova publicación do Seminario de Estudos Terra de Viveiro. Trátase do libro Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), da autoría do escritor viveirés Emilio Xosé Ínsua.

O volume, impreso en Gráficas Neira, está dividido en tres grandes apartados. No primeiro, o autor repasa a historia do porto sancibrense, con abundantes referencias novidosas, e comenta a bibliografía existente sobre ese particular. No segundo apartado entra de cheo na cuestión polémica do nome da localidade, explicando a súa orixe, a súa motivación, etc. e achegando numerosos documentos e elementos que proban a historicidade, corrección e pertinencia da forma San Cibrao, tan cuestionada ultimamente por algún sectores, que defenden a forma castelanizada "San Ciprián". Finalmente, no terceiro e derradeiro apartado, como Apéndice, ofrécese o ensaio “San Cibrao por volta de 1908”.

O novo libro do Seminario de Estudos Terra de Viveiro será presentado o vindeiro mércores día 14 de xullo, ás 20.30, na Casa da Cultura de San Cibrao e o sábado 17, ás 21.30, na Aula de Cultura de Caixa Galicia de Viveiro. En ambos actos, de entrada libre, participarán, ademais do autor do libro, os intelectuais Carlos Nuevo Cal e Fausto Galdo Fernández.

08/07/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión