Que cheiro...


María Xosé Lamas

Din que de todos os sensos o olfativo é o máis desenvolvido nos humanos. Pero tamén a experiencia nos asegura que é o máis susceptíbel de atrofiarse. O cheiro da polución, os das factorías e até o mar ou a montaña máis puros engádense axiña á nosa memoria olfativa se permanecemos algún tempo nos lugares en que se producen, chegando a non ser percibidos. Só os alleos a esas circunstancias son quen de notalos.

O noso olfato urbanita xa non está afeito a cheiros coma o do xurro . De seguro que a xente do agro o ten asimilado como algo natural.

Lembro ao Golpe cargando diante da porta da casa un carro de esterco , mentres a súa dona o sacaba da corte envolvéndoo cunha picaña. Non precisaban de luvas ou máscara para evitar contaxios. Os nosos labregos estaban acostumados ás tarefas máis desagradábeis sen prexuízos, inmunizados contra cheiros e lixos, bacterias ou fungos.Tanto é así que convivían cos bechos na casa.

A do Golpe tiña unha parte baixa que contaba con varios habitáculos. Só posuía unha porta con poxigo pola que accedían á vivenda persoas e animais.Fronte á porta, había un pequeno corredor feito con chantas que daba acceso á cociña, o resto do espazo era a corte das vacas e o poleiro. A cociña estaba separada desta por un muro de chantas verticais rematadas nunhas táboas que chegaban até o teito . Dentro, e en primeiro plano, a alta lareira coa súa gamalleira e unha grande campá que servía de andel por fóra e por dentro, onde o Golpe gardaba os cuarteróns de picadura, o chocolate en po, o café e algunhas viandas máis para que non humedeceran. A carón da lareira, nun furado cadrado da parede estaba o aparato de radio co seu afumado transformador, sobre a mesa cos seus tallos de levante. Tamén a cada lado había unha lacea. Cara a fachada estaba o vertedoiro de pedra que daba a unha pequena fiestra don ferros e contras de madeira e á dereita no fondo, erguíanse unhas escadas de madeira cos dous primeiros chanzos de pedra gra polas que se subía ao cuarto e outra porta á esquerda levaba ao forno e por el íase tamén ao resto dos cortellos onde se gardaba o gando miúdo.

Ao remate das escadas, unha porta comunicaba cun espazo a medio andar sobre os cortellos no que se gardaban as patacas e cantas ferramentas e materiais usaba o Golpe para facer as súas bricolaxes. Estaba pisado de táboas colocadas enriba dunhas trabes , pero sen encaixar, de xeito que se andabas sobre elas íanse movendo, ás veces tanto que deixaban regañas, polo que sempre camiñabas con medo a caer para o cortello. As escadas continuaban xirando á dereita pegadas á parede até un amplo cuarto presidido por unha longa mesa de madeira con dous bancos corridos. Á dereita, separados por tabiques de táboas había dous dormitorios. Nun deles a dona do Golpe tiña a súa vella máquina de coser, que utilizaba a miúdo para remendar canta roupa poñían. Lembro preguntarlle a miña nai cando eu era nena o porqué desa vestimenta tan remendada. E respondeume que, máis que necesidade, era costume: había que aproveitar todo até o límite. Naqueles tempos a reciclaxe estaba automatizada.

Á esquerda do longo cuarto había tamén unha separación onde se atopaba a ucha do pan, na que gardaban as mazás co fin de que o gran tivera a humidade necesaria. Cando se abría arrecendía toda a casa a mazás maduras. No chan había unha trapela que ao abrila se vía directamente a corte. Eu, na miña ignorancia, supoñía que era para vixiar ao gando, até que un día ollei sobre ela á tía Remedios coas faldras medio remangadas. Axiña adiviñei o seu uso.

A parte que máis me gustaba da casa era o forno onde se facían as fornadas que tiñan que durar polo menos quince días. O día que se cocía chegaba o arrecendo a todo o lugar, polo cheiro a loureiro chamuscado co que se varría o forno e se lle sacaba a fogaxe antes de enfornar. É un dos olores que máis me quedaron gravados dos períodos vacacionais vividos na miña infancia en Vilapedre.

06/07/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión