Quitade as vosas sucias mans de Lois Pereiro

Miguel Barrera.-

Non é do meu gusto a apropiación dos recordos, nin que a tona do tempo os lave e perfume. Non chega para lambetar feridas. As cicatrices piden botar sangue de novo.

Lois Pereiro é para min, no latexo dos seus poemas, a miña vida desnortada en Madrid, a escola da “fariña”, os laios do meu desterro. Lois Pereiro é o descarnado “ir pillar” a Embajadores.

en ardente visión case sonora
do espacio penetrado por cadavres
do inferno húmido e escuro
de quen en terra firme
convive cos espectros máis concretos
do insonio monofobia nictofobia ferida sexo tóxico
lagoas de veleño navallas repetidas
na roita do desorde e do suicidio.


Poemas 1981/1991


Lois Pereiro atravesa os meus recordos máis tristes e abafantes no labirinto de podredume e auto destrución como “náufrago do paradiso” que fun. Retrátome naqueles noventa no poema PRESENTIMENTO.

Odiada
intanxible
e as veas convertidas
en túneles de acougo e perigo
sulagan o corpo en mil soños
cando a lene escuma da sombra
anuncia as visións
que presinto.

Cal perfil de vento no ar quedo
un tremor incerto persiste
no espacio que o meu corpo invade
na luz que descobre e pervirte
a memoria gótica de terror
que sinto.

E convírtese finalmente en silencio
entre as ruínas do insonio na alborada
na máis feroz sentencia imaxinable
no medo definido a que me deixe
condenado a vivir só
cos meus presentimentos.

Poemas 1981/1991



Confésome máis Ronseltz e Rompente que desenamorado e penduro no equilibrio de Xela Arias.


E, por dicir disparates, á miña esquizofrenia dálle por cavilar na tolemia egocéntrica da “época dourada” da poesía galega que quere homenaxearse a si mesma, esa que Elena Medel acusa de certo machismo. Agora podemos tamén debater se esa culta e elitista Galiza iluminada acadou os obxectivos de Adrián Solovio.


Cando Xurxo nos deu a nova de que Lois Pereiro ía ser o homenaxeado das letras no 2011 a través do Facebook, remexéuseme o útero menopáusico da conciencia e blasfemei.


De súpeto caeu en min a lembranza de agullas, fíos e odios; acheguei a memoria das premonicións, do desencanto e da furia, e nun flashback prendéuseme nos ollos a portada do nº 28 de “LUZES” (ano 1997, 600 pts.).


Rostro enmagrecido, ollada perdida, dentes de furia… non tardei en atopar a revista que conservo entre os meus tesouros, busquei os seus libros, os recortes de periódicos que conservo…

…non deu chegado a tempo de exercer
a súa rebelión,
nin de levar a cabo
a súa vinganza definitiva
contra un mundo inxusto, homicida, e cruel
pola inutilidade da súa propia vida…



Dende que Xurxo nos deu a nova, os días pousan na pel cicatrizada picores de rabia e pregúntome: por qué?, que persegue esta desfeita, por que non deixan que sexan as xeracións futuras quen o prostitúan e institucinalicen…os que traizoen o seu culto? A súa mesura está no íntimo da súa obra.


Intento atopar reaccións en Internet e so vexo salmos e parabéns dos seus amigos, das súas “luzes” e dos poetas novos que aplauden a “valente decisión”. Tamén preocúpame a indiferenza do poder, mostra algo que xa sabiamos, impórtalles un carallo o galego.


Estou desconcertado, confésoo, e penso que vai ser un ano moi movido, sobre todo cando os que non o leron nunca fagan comentarios dos seus textos nos institutos, ou os infantes teñan que facer traballos con acuarelas e tizas de cores. Especialmente gracioso vai ser cando as cohortes antigalegas de Feijóo se vexan obrigadas a loar a súa obra nos discursos institucionais.


Agora estánseme a revolver as tripas e temo que isto pode ser obxecto de manipulación e aldraxe, non so unha mezquina provocación.

23/07/2010

2 comentários :

Danos a túa opinión