"Entrei en Radio France porque falaba galego"

Moncho Paz.-

A cita é na Avenue Flouquet de París, preto da Torre Eiffel. Ramón Luis Chao Rego (Vilalba, 1935) chega en moto dende outro distrito da capital francesa, pilotando unha Honda modelo Rebel. “Como non pode ser doutro xeito, tratándose de min”, di cun sorriso este chairego “rebelde con causa”.


Pregunta. Como lembra Vilalba a Reigada de O Lago de Como dende París?
Resposta. En realidade, só vivín alí ata os dez anos; despois marchei para Madrid e rematei en París. Ao principio, regresaba a Vilalba de vacacións polo verán; agora hai tempo que non me achego. E a Galicia vou cada dous anos. Tiven a sorte de nacer nun hotel, onde ían Xosé Mª Castroviejo, Cunqueiro, Celso Emilio… a todos eles coñecinos de meniño. Durante moitos anos non souben quen eran, ata que tomei conciencia de que formaban parte do mundo da cultura. Tamén pasaron polo Hotel Chao moitos cregos e contadores de historias, co cal adquirín unha cultura popular impresionante. Polo tanto, dicir o que significa Vilalba para min é realmente difícil, pois levo sesenta anos fóra, pero o certo é que aportou moito á miña formación.

P. E os seus comezos en París? Cómo foi a primeira etapa en Radio France?
R. É curioso, pero entrei en Radio France porque falaba galego. Atopara un anuncio no que solicitaban un colaborador que soubese español, portugués e música, para ser ilustrador sonoro das emisións. Ao falar ben o galego dixen que era portugués, e por iso entrei sen problemas. Alí estaban todos, dende Alberti ata Bacarisse, pasando por Vargas Llosa, García Márquez, Onetti, Cortázar, Benedetti… Ese era o ambiente de Radio France en 1960. E despois tiven a sorte de traballar para Triunfo.

P. En Triunfo asinou destacados artigos sobre literatura latinoamericana. Como ve o panorama actual en comparanza con aqueles anos?
R. Teño unha visión moi pesimista da evolución da humanidade; dende entón ata hoxe hai unha diferenza enorme, incluso no que se refire a pensadores ou escritores. Daquela tiñamos a Sartre, Camus… e agora non temos autores desa talla, xa non é o mesmo.

P. Desapareceron os grandes pensadores?
R. O neoliberalismo acaba con todo. Trátase de consumir, gañar e consumir.

P. E diferenciar unicamente entre o ben e o mal, un maniqueísmo total.
R. En efecto; pero os bons son eles, claro. Mira, isto é un desastre… Que Francia teña un presidente como o actual é lamentable. A Francia das Luces, que contou con persoeiros como De Gaulle ou Miterrand… Francia foi cara abaixo, primeiro con Pompidou, despois con Chirac e agora con Sarkozy.

P. De feito, as vangardas artísticas ollan máis cara New York ou Berlin.
R. Berlín gañou moito, especialmente despois da reunificación. París está en caída libre, por desgraza.

P. Xenio e figura. De pianista a xornalista.
R. O piano traballeino para saír de Vilalba, en realidade non me gustaba nada. Eu estaba tiranizado polo meu pai e sabía que non tiña máis solución que seguir adiante coa música para marchar do pobo. E así foi. O meu pai traballou a miña carreira con xamóns, lacóns e outras viandas que mandaba a Madrid para conseguir enchufes. E eu enganábao. El cría firmemente no que estaba creando. Aínda hoxe teño un complexo: que sexa todo unha montaxe, porque a actitude do meu pai fíxome tanto dano que xa non creo en nada. De feito, a miña primeira novela relata o que aconteceu. O Lago de Como é a historia dunha mentira, unha autobiografía desmesurada; pero todo é verdade.

P. Un axuste de contas co seu pasado.
R. Un axuste de contas co meu pai. Aínda que co paso dos anos caín na conta que grazas a el cheguei onde estou. Se tivera un pai normal de Vilalba, hoxe estaría atendendo ao negocio familiar. Por iso no fondo estoulle agradecido.

P. É Ramón Chao o pai máis célebre do mundo?
R. Unha vez dixéronme: “despois de Bush, es o pai máis célebre do mundo”. Eu respostei: “que non sexa o primeiro paréceme mal”. A verdade é que teño unha grande satisfacción, o orgullo é un sentimento que non me gusta. Paréceme extraordinaria a bondade do meu fillo Manu; deume moitas leccións na vida. Unha vez díxome: “papá, non hai que enfadarse nunca”. E noutra ocasión: “todo o que se fai ás présas o tempo non o perdoa”. El quere moito á familia, ás orixes, a Galicia, a Vilalba…

P. Unha satisfacción e unha frustración na súa vida?
R. A satisfacción é facer o que fago, porque estaba condenado a quedar en Vilalba. A miña frustración, non ser Cervantes.

P. No Xacobeo 2010, estamos no tempo de Prisciliano?
R . Cada vez máis . As peregrinacións a Fisterra son tan importantes como as de Santiago. Por suposto que a xente vai a Compostela, pero moitos non son crentes. A Igrexa vai encamiñada ao que quería Prisciliano: que as mulleres oficien, que os cregos poidan casar…


Foto: R. Gal


Pódese ler unha versión máis longa desta entrevista en Xornal.com

29/07/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión