A Roxa, os touros e eu

Por César Reis.-

Hei recoñecer que, de entre os oito goles da Roxa no Mundial que vén de rematar, un dos meus preferidos foi o que marcou a Alemaña Carles Puyol, o capitán do Barça. E non porque eu poida ter algún tipo de preferencia por este equipo –o cal, aínda que así fose, sería totalmente irrelevante–, senón porque, na súa celebración, Puyol soubo demostrar á concorrencia que os futbolistas, pese ao grao de illamento e concentración que require unha competición da envergadura dun Mundial, tamén están conectados coa realidade. Máis, atreveríame a dicir, que moitos dos afeccionados. Máis, mesmo, que algúns dos medios que retransmitiron con fidelidade o acontecemento. Ou senón, xa me dirán como se explica a escasa repercusión que tivo o seu xesto en homenaxe aos antitaurinos –véxase a foto que acompaña a este texto–, precisamente a véspera de que o Consello de Garantías Estatutarias avalase por maioría o texto, que irá a votación no pleno do Parlament catalán o próximo 28 de xullo, co gallo de aclarar se farán esa modificación da Lei de Protección dos Animais segundo a cal poderían chegar a prohibirse as corridas en Cataluña.

Pero se cadra foi mellor así. Á fin e ao cabo o Mundial evitounos falar de tantas cousas que unha máis tampouco importa. Se cadra foi mellor non dar demasiada repercusión ao asunto a fin de non enturbalo todo máis aínda, como adoita suceder nun país tan esaxeradamente escravo da partitocracia e da apocalipse como este. Un país no que se tende a mesturar todo a cada canto e sen motivo aparente, pois calquera tema de debate, do tipo que sexa, remata converténdose nun debate político –sempre no peor sentido da palabra– e un non pode opinar de case nada sen que veña o santón de quenda a adxudicarlle unha etiqueta ou outra, a encaixalo no compartimiento estanco que a súa limitada visión da realidade precisa para sentirse cómodo e seguro. Polo menos a Roxa deunos máis dunha lección de profesionalidade e tolerancia nese sentido, pois nela teñen cabida o antitaurino Puyol e un Vicente del Bosque admirador de Santiago Martín, 'El Viti', paradigma do toureiro que, como el mesmo, conxuga a arte do seu oficio coa sobriedade.

Con toda sinceridade, se nos deixamos guiar polo sentido común, e non polo que diten os líderes dun partido ou outro, non hai nada grave en que sigan a facerse corridas de touros en Cataluña. Outros problemas máis graves haberá. Pero tampouco en que se prohiban. Xa se fixo en Canarias desde hai case vinte anos –en concreto desde 1991– e ninguén se alporizou por elo, nin se atreveu a dicir que os habitantes das illas son menos españois do que poidan ser os “godos” –con perdón–. Se o Parlamento Catalán decide aprobar a lei na votación fixada para o 28 de xullo está no seu pleno dereito. Ou polo menos, iso é o normal en democracia.

Pola miña banda, non me considero nin a favor nin en contra dese espectáculo. En realidade resúltame bastante indiferente, se cadra porque proveño dun escuro lugar do norte onde non se rende culto á tauromaquia. A miúdo adoito resistirme ás frecuentes invitacións que recibo dalgúns amigos doutros puntos da xeografía peninsular moderada ou esaxeradamente afeccionados. Fágoo porque sospeito que me vai enfastiar un espectáculo que atopo bastante obsoleto, que vexo como cousa doutra época, coma se fora algo anacrónico, xa superado ou abolido polo paso do tempo. Se cadra porque nel enxálzase toda esa mitoloxía anticuada e mistificadora dunha masculinidade tan desfasada como calquera outra moda do pasado. E non me refiro só ás modas indumentarias. Unha mitoloxía que, con todo, continúa subxacente –aínda que afortunadamente cada vez menos– en determinados sectores da sociedade e na que se tende a enxalzar a eses heroes inverosímiis e un tanto egocéntricos, adornados dunha superioridade e un machismo anacrónico e sen dúbida ridículo aos ollos do mundo actual, baseado nos modelos do politicamente correcto e a metrosexualidade. É esa mesma mitoloxía que reivindican como valor do masculino aínda hoxe algunhas mulleres “de rompe e rasga” –endexamais cheguei a entender de todo a expresión–, mulleres que, polo xeral, adoitan ser bastante máis machistas que moitos homes. É a mesma mitoloxía que, aínda que noutro contexto pero coa mesma esencia e intensidade, atopamos enquistada en todos aqueles fanáticos das armas que pululan polos Estados Unidos, como aquel Charlton Heston absurdamente ridículo que retratou, non sen crueldade –todo hai que dicilo–, o tamén bastante egocéntrico Michael Moore naquela Bowling for Columbine, alegación cinematográfica contra a violencia onde as haxa. Calquera persoa que se teña por minimamente civilizada debería sentir a mesma incomodidade que imaxino que eu mesmo sentiría se asistise a un espectáculo cruel no que non só sofre un animal –demasiado se incide xa sobre iso–, senón que, ao mesmo tempo, un ser humano está a pór en perigo a súa vida co único fin de entreter a un público ávido de emocións. Ou se cadra non, porque os individuos adoitamos ser poliédricos e demasiado complexos como para se nos someta a un reduccionismo limitador. E non vou ser eu quen o faga.

En calquera caso, e postos a escoller entre espectáculos de masas, prefiro quedarme co fútbol, polo menos nel non hai tanta violencia –agás cando xoga Holanda unha final– e porque, como di a soada cita do adestrador italiano Arrigo Sacchi, erroneamente atribuída a Valdano, “o fútbol é a cousa máis importante das cousas menos importantes”.

14/07/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión