Tsunami

María Xosé Lamas

Hai peixes que nadan contra corrente e aos que non lles afecta a marea vermella. Acaso estean vacinados contra esas bacterias; acaso xeneticamente evoluíron con outros carácteres; acaso o ambiente propicioulles outros modos de existencia… Do mesmo xeito, non todos os cidadáns españois viviron o grande éxito futbolístico da “Vermella” e non porque non aprecien a xesta protagonizada pola selección española de fútbol, senón porque este deporte non lles aporta nada.

Ao Golpe non lle gustaba o fútbol. Coidaba absurdo ollar para vinte e dous rapaces correndo detrás dunha pelota. Mais, de seguro que Casillas, Villa, Pujol ou Iniesta considerarían unha parvada xogar á billarda, ás carreiras de sacos, ás bólas ou á buxaina, brincadeiras das que gozaba o Golpe nos poucos momentos de lecer dos que dispuña despois de colaborar nas tarefas do agro e aprender a tallar na branda madeira de bidueira as nosas chinelas chairegas.

Pero na actualidade non é doado fuxir da onda xigantesca, do tsunami que provocou o forte vento provinte de Sudáfrica. A todos nos envolveu directa ou indirectamente globalizando sentires e ideoloxías que incluso rexeitaban levar tatuadas nas meixelas as cores da bandeira española, que non eran capaces de pronunciar o berro de identificación coa nazón da vermella, mais que chegaron a recoñecer o mérito que tiveron os xogadores da selección do “país veciño”.

Por sorte seguen a existir moitos golpes; persoas que non son máis felices porque nos andeis da exposición de trofeos da fifa haxa unha copa do mundo, mentres as carencias da sociedade sigan sen satisfacerse; persoas capaces de surfear sobre a onda e ollar o horizonte coas meniñas espertas; persoas que non se cegan co esplendor dourado duns intres, conscientes que despois da luz volverán as tebras; persoas, á fin, que seguen a nadar contra corrente se esta non lles leva a ningures e que optan por permanecer fideis ás súas ideas.

14/07/2010

2 comentários :

  • O TRUNFO DA ESPAÑA PLURINACIONAL: isto é o primeiro que se veu á cabeza cando Iniesta sentenciou, co seu gol, o mundial perante a dura Holanda.
    Unha idea que se contrapón coas declaracións dalgúns medios de comunicación. Declaracións, eu creo, intencionadas que buscan darlle á xesta histórica unha connotación política facendo desta o espello e reflexo desa España que quere ver. “Hai unha condición peor que a cegueira, e é ver algo que non é” dicía Tomas Hardy.
    Ver a situación política do estado a través da selección española de fútbol e dunha intencionalidade bestial que non merecen nin os propios deportistas, nin os afeccionados, nin os que non o somos tanto. E digo eu que tamén se puido facer coa selección de baloncesto cando gañou o mundial, aínda que seguramente a mensaxe non tería tanta repercusión e os seus instigadores serían facilmente identificados.
    A selección española que gañou o mundial está formada por deportistas de distinta ideoloxía, porque a teñen. Supoño que xogan deportistas que senten a España como a súa nación e supoño que tamén xogarán outros que non, que a súa nación é a catalana ou a vasca; non se deu o caso de que houbese galegos por iso non inclúo a nosa nacionalidade. O caso é que todos creron oportuno poñer a camisola de España e defender un proxecto que poda ilusionar a todo o estado e ás diferentes nacionalidades que o compoñen.
    Non todos os xogadores abrazaron nin puxeron ás costas a bandeira española nas celebracións, algúns rexeitaron a invitación ao cante dese “YO SOY ESPAÑOL, ESPAÑOL , ESPAÑOL……” (- por certo, cantado a ritmo do Kalinka soviético para defenderen a iso que chamamos “LA ROJA”….para o meu gusto preferiría directamente cantar a Internacional-) pero non por iso podemos obrigalos a que abracen ou sigan uns símbolos nos que non cren, e menos despois das satisfaccións que nos deron a todos, os que cremos na pluralidade nacional e os que creen que so hai e sempre houbo unha única España en todo o territorio.
    Se quixeramos darlle unha connotación política ao éxito de “La Roja”, creo que o que triunfou foi a pluralidade, a unión de distintas realidades nun esforzo común por un obxectivo común. Polo que festexemos o éxito sen buscar connotacións máis aló do deportivo, que o que fai falla é máis política deportiva e menos política co deporte.
    Un saúdo.
    Iván

    17:12 do 14 de xullo de 2010

  • O TRUNFO DO ESTADO PLURINACIONAL.Iisto é o primeiro que se veu á cabeza cando Iniesta sentenciou, co seu gol, o mundial perante a dura Holanda.
    Unha idea que se contrapón coas declaracións dalgúns medios de comunicación. Declaracións, eu creo, intencionadas que buscan darlle á xesta histórica unha connotación política facendo desta o espello e reflexo desa España que quere ver. “Hai unha condición peor que a cegueira, e é ver algo que non é” dicía Tomas Hardy.
    Ver a situación política do estado a través da selección española de fútbol e dunha intencionalidade bestial que non merecen nin os propios deportistas, nin os afeccionados, nin os que non o somos tanto. E digo eu que tamén se puido facer coa selección de baloncesto cando gañou o mundial, aínda que seguramente a mensaxe non tería tanta repercusión e os seus instigadores serían doadamente identificados.
    A selección española que gañou o mundial está formada por deportistas de distinta ideoloxía, porque a teñen. Supoño que xogan deportistas que senten a España como a súa nación e supoño que tamén xogarán outros que non, que a súa nación é a catalana ou a vasca; non se deu caso de que houbese galegos no campo por iso non inclúo a nosa nacionalidade. O caso é que todos creron oportuno poñer a camisola de España e defender un proxecto que poda ilusionar a todo o estado e as diferentes nacionalidades que o compoñen.
    Non todos os xogadores abrazaron nin puxeron ás costas a bandeira española nas celebracións, algúns rexeitaron a invitación ao cante dese “YO SOY ESPAÑOL, ESPAÑOL , ESPAÑOL……” (- por certo, cantado a ritmo do Kalinka soviético para defenderen a iso que chamamos “LA ROJA”….para o meu gusto preferiría directamente cantar a Internacional-) pero non por iso podemos obrigalos a que abracen ou sigan uns símbolos nos que non cren, e menos despois das satisfaccións que nos deron a todos, os que cremos na pluralidade nacional e os que creen que so hai e sempre houbo unha única España en todo o territorio.
    Se quixeramos darlle unha connotación política ao éxito de “La Roja”, creo que o que triunfou foi a pluralidade, a unión de distintas realidades nun esforzo común por un obxectivo común. Polo que festexemos o éxito sen buscar connotacións máis aló do deportivo, que o que fai falla é máis política deportiva e menos política co deporte.

    17:26 do 14 de xullo de 2010

Danos a túa opinión