A última cruzada


Moncho Paz

Todo é relativo nesta vida; nin branco nin negro, nin ben nin mal. Porque existen os termos medios e as gamas de cores. Benedicto XVI visitará Compostela no mes de novembro, unha visita que esperta interese turístico para uns e fervor relixioso para outros. Polo tanto, será unha visita relativa para un monarca absoluto, porque a Igrexa, ademais dunha institución relixiosa, é un Estado; pero constitucionalmente é unha monarquía absoluta. O Papa, como xefe dese Estado, concentra nas súas mans os tres poderes (lexislativo, executivo e xudicial), segundo o artigo primeiro da Constitución do Vaticano. E, por suposto, controla o cuarto poder: L’Osservatore Romano.

Este medio de comunicación tivo recentemente unha magnífica oportunidade de seguir a liña editorial da empresa editora, baseada na Doutrina Social cristiá, as súas normas e principios. Refírome ao pasamento do escritor portugués José Saramago, ao que non dubidaron en calificar –antes da súa incineración– de “extremista populista”, nunha necrolóxica asinada por Claudio Toscani baixo o título “A omnipotencia (presunta) do narrador”. Unha oportunidade desaproveitada para respectar a morte, atendendo ao Maxisterio eclesiástico.

Ao pouco de ser entronizado como Papa, Joseph Ratzinger comezou ao súa particular cruzada contra o “relativismo imperante”, chegando a recibir no Vaticano a Hans Küng, teólogo suizo e vello compañeiro da Universidade, considerado como a voz da disidencia católica. Hai uns días, e aproveitando a próxima visita de Benedicto XVI a España, xurdiu unha iniciativa na que participan políticos como Jaime Mayor Oreja ou deportistas como Rafa Nadal, encamiñada a “recristianizar España”. E dende o Vaticano fálase de “evanxelizar Occidente”.

Un dos maiores problemas das monarquías absolutas sempre foi a súa incapacidade para asumir os propios erros, facer autocrítica e escoitar –no sentido amplo do termo– o que teñen que dicir os outros. Por iso non é de estrañar que cada ano aumente o número de persoas que abandonan a militancia nas súas filas.

10/07/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión