Vilalba onte e hoxe: A Fonte


Mario Paz González.-

A terra, a auga, o ar, o lume. A auga, fría como a terra, húmida como o ar. A auga, entre o lume e o ar, mais perto da terra. A auga, centro de todo, comezo e fin das cousas porque dela xurde a vida. A auga na que nos sumerximos na procura da pureza, da perfección, da renovación. A auga fecundadora. A auga entre a vida e a morte. Auga és e en auga vaste converter, irá abandonando o teu corpo até quedares seco, murcho, baleiro, porque a auga fluirá a algures, como a vida. A auga, insondable fonte, de xuventude, de sabedoría, de inmortalidade, de vida. Auga corrente, encorada, turbulenta, morta, salgada, nidia, porca, doce, purificadora, fonda… A auga.

Pero é a fonte quen trae a auga. É a fonte quen nos achega con ela a vida e máis a liberdade do seu discorrer. É por iso que as fontes adoitan estar no centro dos patios, dos claustros, das prazas. A auga flúe da fonte, vén onda nós e logo vaise. Segue o seu camiño. Pero a fonte fica queda connosco, como un lugar para o repouso, un lugar para a paz, como un templo pagán para a contemplación da vida, da auga. As fontes son as catedrais da auga, erixidas para o seu culto, para a súa adoración.

Se hai en Vilalba unha fonte sobranceira esa é a da Porta de Cima. Porque marca unha linde no confín da vila. Alomenos nese confín que fica na memoria de moitos, os máis vellos, cando máis aló dela xa non había nada, agás a pradaría, o monte, a chaira.

Esa é, se cadra, a lembranza que volta hoxe a moitos ao ollar a primeira destas dúas fotos. Esa na que a fonte parece emerxer, como unha campa, coa súa lousa tallada, de entre as pedras máis rudas do piso e máis do alto valado que a circunda coma se quixese apresala, coma se non quixera deixar que fuxira coa auga que leva. A auga que a leva.

Son rechamantes na imaxe as rapazas e máis o pequeno, coas súas sellas hoxe tan irreais, tan de postal ou de bibelot. Unha delas sostena ergueita na cabeza dese xeito tan enxebre que xa case non se ve nin sequera en días de feira. Dalgunha maneira, talvez difusa, percíbese un lene contraste entre as poses de todas elas –coas mans nos cadrís, os traxes co pano na cabeza e eses mandís sobre un número impreciso de saias– cunhas faces que semellan moi cedo torradas polo sol e o traballo duro, unhas faces co aceno adusto, entre o receo perante o descoñecido da cámara e o sorriso do que intúe un mundo novo, promisorio e, se cadra, aínda demasiado lonxano.

A segunda foto foi tomada o pasado inverno, cando a neve nos deparou esa estraña transformación da Chaira -que se ven repetindo case cada quince anos- nunha paisaxe nova, nunha estepa como a que percorre eternamente Yuri Zhivago na procura de Lara mentres soa a música de Maurice Jarre. Os signos do paso do tempo son máis que evidentes. Uns lenes fíos eléctricos asucan a esquina dereita da fotografía. O muro dese lado e a árbore da esquerda medraron. A paisaxe espida do fondo trae agora a imaxe de moitas casas novas e ata dunha grúa símbolo dunha especulación inmobiliaria que veu frear a crise económica antes de que todo o planeta fora recalificado. O ceo segue a ter a cor cinsenta do inverno mentres a farola agarda queda, a piques de prender, e unha varanda e unha escaleira cumpren a súa función necesaria fronte ás barreiras arquitectónicas.

No centro, a fonte, corrompida por alguén que, se cadra, se chamará a si mesmo “graffiteiro”, mais debería ser chamado –como pouco– “vándalo”, porque o graffiti é outra cousa. Por tras da fonte, unha rúa nova, aínda espida de edificacións, baixa leda, lembrando que os lindeiros que marcaban o confín da vila medraron. Diante da fonte, as pegadas pantasmais dalguén que estivo pouco antes de que fora tomada a fotografía, quen sabe se dalgún dos nenos da outra foto que baixou, xa maior, na procura dun pasado agora afastado que non vai voltar, dun pasado que xa se foi para sempre.

31 de xul. de 2010

1 comentários :

Danos a túa opinión