Diante da Academia

Xulio Xiz

Cinco veces fun a Vilalba este mes de agosto, sendo para min o record en moitos anos, xa que normalmente acudía un par de veces á miña cidade, pero este ano a actividade aumentou e non só fun ó xurado do Certame e á entrega de premios, senón tamén á presentación dos libros froito do certame do ano anterior, a xantar o mesmo día de San Ramón, e á segunda xuntanza de antigos alumnos da Academia Santa María, catro décadas despois de que esta pechara as súas portas.

Veño de atopar en Lugo a un antigo alumno da Academia, doído por non terse enterado con anterioridade desta xuntanza, o que garante que o ano que ven seremos moitos máis que os sesenta que nos xuntamos este para lembrar o labor daquela academia que conseguiu rachar cos estratos ben marcados daquela colmea social que era Vilalba, de moi difícil cambio de nivel para os humildes. A Academia de Vilalba revolucionou aquel ambiente pechado, no que asomou en tempos de pobreza material e cultural unha auténtica aristocracia cultural da que moitos centos de vilalbeses fomos beneficiarios.

Diante da Academia fotografámonos medio cento de antigos alumnos, con Dona Chari, que hai cincuenta e tres anos depurou o que eu tiña aprendido con Dona Amelia Mato e me preparou para pasar o severo listón do ingreso de bacharelato. Pareciamos medio cento de viaxeiros, deses emigrantes que volven á terra pescudando as súas orixes, moitos de nós vivindo fóra de Vilalba, pero seguindo bebendo os ventos por ela.

Levo moito tempo teimando na conveniencia de que todos os que fomos alumnos daquela Academia nos xuntásemos unha vez ó ano, mentras nos queden forzas, para lembrar o que aquel centro significou. Para lembrar, como eu lembraba co meu amigo vilalbés en Lugo, o prestixio que os vilalbeses tiñamos no Instituto de Lugo cando viñamos examinarnos.

Entre os alumnos capitalinos e da provincia brillábamos de xeito especial os alumnos do Colexio de monxas da Asunción de Sarria, o privado Colexio Muinelo de Taboada, e a Academia Santa María de Vilalba.

Pode parecer que foi unha xuntanza de veteranos vilalbeses animados só pola nostalxia. Foi unha entusiasta reunión de antigos compañeiros, conscientes do que a Academia significou nas nosas vidas, agradecidos por atopar alí un berce para tantas ilusións, no que saciamos tanta sede de cultura e de futuro.

O ano que ven, volveremos, e seremos máis cada vez, polo ben que nos senta a todos.

9 de set. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión