Malos tempos


Iago Castro.-

A Nosa Terra interrrompe a súa edición semanal en papel e fica só como medio dixital, anuncia o seu veterano director, Afonso Eiré. A histórica cabeceira pasou por avatares semellantes en múltiples ocasións, pero esta parece, tristemente, a definitiva, no marco da crise que vive a prensa escrita neste tempo do cambio de paradigma analóxico ao dixital.

Vieiros, Chuza, A Peneira, A Nosa Terra... O xornalismo en galego vai ao carallo. Desde a Xunta ofrécenlles como solución, segundo conta Eiré nunha entrevista en El País, que se pasen ao castelán ou que cambien a liña editorial. E pregúntome: estarán a darlle o mesmo consello a Santiago Rey, factotum de La Voz de Galicia, e que leva da Xunta cada semana as mesmas axudas públicas que todos os medios en galego xuntos nun ano? Por que non lle recomendan pasarse á esquerda e publicar en galego?

A prensa galega, sexa en castelán ou en galego, está mergullada na crise. Como a española e como a de todo o mundo. O que resta agora é que se definan novos modelos de comunicación de masas que, definitivamente, pasan polos formatos dixitais. Pero, mentres tanto, resulta obsceno que un goberno galego empregue os cartos de todos -unha cantidade indecente de cartos- dunha forma tan parcial, sostendo artificialmente un medio que como moitos outros, fai augas. Será porque o xornal de Sabón mantén ben alto o pavillón do castelán, un idioma, como sabemos, tan ameazado en Galiza... O que hai que ver.

02/09/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión