A navalla do Manuel

David Otero

E xa metidos no setembro de case que outono, un ano máis, o sexto, celebramos na memoria e nos recordos, a ferrados de afectos e sentimentos doces de nación , o cabodano do noso poeta de Outeiro de Rei e de Galicia. Xunto con outros máis, os da Irmandade MANUEL MARÍA, facémolo en terras da Chaira, desde o andar do Ladra e do Cepelo, polas Penas de Rodas, no Cemiterio de Outeiro e en Sta Sabela, así desde as terras luguesas ao mornear de lealdade e de aprezos multiplicados a cada ano para facer regresar con obriga de crentes aos nosos corazóns o mellor militar de nós en Galiza, no pobo do galego, que Galiza somos nós, no abrazo e desde a exemplariedade nobre de Manuel.

Dentro do andar deste día quero facer resalte especial do acto que nos marabilla e ensoña, falo do rito da Navalla de Manuel. Este facer naceu no primeiro cabodano do sentir común dos alí presentes, dado que Manuel era un popular usuario pacífico da nosa navalla como ferramenta de paz, de construcción e adorne, de reparto, de comparto, de concordia e de establecer comunidade e familia. O pan cortábase coa navalla e dábase a cada quen para en comuñón de sermos participásemos do alimento.Igual se facía co queixo, ese compango de enorme cualidade, froito do esencial do leite das vacas dos nosos labregos dito sexa de paso tan mal pago. Todo de habelo no grolo amical do viño. Nós neste ano terémolo de Sober, traído da man de Luís, director da banda de música dese Concello e amigo de Manuel María.

Pois ben e destas foi que se acordou entregar cada ano, e xa imos no sexto, a NAVALLA DE MANUEL como unha parte sustantiva e fundamental do seu recordo. Así foron merecentes dela: Alfonso Blanco Torrado, Mini e Mero, Camilo Torres, Darío X. Cabana, Xulio Xiz e este ano Avelino Pousa Antelo.O día oito pois Lucho do Peto, Avelino Pousa “ espertador”de noventa e seis anos, acollerá a navalla do Manuel e coa axuda desta pasará a poñer a disposto de todos os presentes na Sta Sabela o pan e o queixo para compartir en comuñón coa compaña gustosa do viño de Luís das terras da Ribeira Sacra. O primerio bocado e beber coma todos os anos será ofrecido a Saleta Goi con entrega a esta por parte de Avelino Pousa.

Velaí como neste día oito de setembro, un ano máis entre amoroso recordo comunal a Manuel , resoan con forzas inmedibles os cantos e as palabras do idioma noso, en corazón e ser de Mini e Mero, de Miro Casabella, de Tino Baz, do gaiteiro Raul, de Valentín Arias, de Avelino Pousa. Todo a comuñón real na celebración con Manuel María para así vivir nela colectivamente, a sermos tribu e Irmandade, a maré azucrada chea de memoria consentida e conquistada ( como Di Vázquez Pintor). Galiza somos nós.

05/09/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión