O Mercado Atlántico da Arte Contemporánea chega a Compostela

Redacción

Máis de 65 actividades integrarán o programa da nova edición do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea (MACC), que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 10 e o 12 de setembro. O encontro, promovido pola asociación cultural Atlantic Connection, reunirá durante tres días na capital galega a creadores, artistas, produtores, xestores da cultura, empresas e institucións para intercambiar experiencias.

A programación dividirase en catro áreas e incluirá conferencias maxistrais, quince talleres de traballo, unha sección fose do programa oficial e, asemade, se habilitarán espazos para encontros informais entre os participantes.

Así, a zona 'MaccInspira' reservarase para conferencias e será o director xeral da empresa danesa Dream Company, Rolf Jensen, o encargado de iniciar as sesións o venres 10 de setembro cunha disertación sobre a capacidade das industrias creativas para mellorar o funcionamento doutras industrias. Tamén se contará coa participación do comunicador Toni Puig, asesor do Concello de Barcelona durante máis de trinta anos, e do investigador de vídeo xogos Gonzalo Frasca, entre outros.

Macc 2010 conta co patrocinio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Xacobeo e o Consorcio de Santiago, e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega (CCG), o Museo do Pobo Galego, e o Centro Dramático Galego, entre outros. A primeira edición celebrouse o pasado ano en Tenerife, e acreditáronse máis de 400 profesionais, presentáronse once experiencias innovadoras no mundo da creación e os artistas enviaron máis de 100 propostas creativas.

07/09/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión