Pregón para ser lido no acto inaugural das festas de Santa María e San Ramón de Vilalba do ano 2010.


José-Luís Novo Cazón.-

A modo de soleira

Como chairego de sempre, é para min unha honra poder estar hoxe aquí como mantedor ou pregoeiro destas festas de Santa María e San Ramón de Vilalba. Grazas aos que me convidaron, e personifico este agradecemento en Xerardo Criado Guizán, o noso alcalde, que foi quen me fixo a proposta. Moitas grazas.

Na ruleta da vida, os tempos que nos tocaron a nós caracterízanse, sobre todo, pola abafante e case universal presenza e usos das novas tecnoloxías. Estas deixaron sen contido o antigo oficio do pregoeiro, como persoa “encargada de anunciar en público e en voz alta algo que é de interese xeral”. O programa das festas, os medios de comunicación e a páxina web do concello asumiron este cometido.

Na actualidade, o pregoeiro adoita ser “unha persoa que pronuncia un discurso literario con ocasión dunha celebración ou dunha festividade”. Esta última función é a que eu pretendía exercer durante un curto espazo de tempo deste seranciño da véspera da festas de Santa María e San Ramón. Pero, algún tempo despois de convidarme para esta función, dixéronme que en realidade o meu papel era o de mantedor.

Como é sabido, o mantedor na Idade Media era o que sostiña un torneo o unha xusta. Nun sentido extensivo, a palabra xusta pode referirse a un certame literario. Máis esta función xa a realizou o xurado días pasados, escollendo, entre moitos, os dous que acadaron os ansiados primeiro e segundo premio (ese acto foi o auténtico certame, a loita entre os distintos participantes). Xa que logo, eu vou limitar a miña actuación a contarlles unhas poucas historias que, tal vez, podan servir para completar este acto ou colofón do devandito certame, a entrega dos premios aos seus gañadores.

Centrarei a miña intervención en tres núcleos básicos: a historia dos padroados de Santa María e San Ramón sobre esta vila, algúns retrincos das festas celebradas na súa honra ao longo dos séculos e, finalmente, algunhas suxestións de cara o futuro.

Os Padroados de Santa María e San Ramón
Os comezos da historia desta vila son moi escuros. Probablemente teña sido a capital do antigo condado de Montenegro, un dos once nos que foi esnaquizada a diocese de Lugo no discutido concilio lucense do ano 568.

En 1128, cando o rei Afonso VII separa as partes deste condado que pertencían ao bispo de Mondoñedo das que estaban baixo a xurisdición do conde, para evitar as case constantes liortas que mantiñan, en Terra de Villarenti, baixo o dominio da sé mindoniense, figura Sancta Maria de Montenigro. Probablemente esta expresión aluda á realidade embrionaria que hoxe, nove séculos despois e xa moi desenvolta, chamamos Vilalba.

A advocación de Santa María, baixo a que se pon a parroquia, foi algo modal daquela, pois cómpre non esquecer o pulo que San Bernardo de Clairvaux e os cistercienses lle deron ao culto mariano. Preto de aquí estaban os mosteiros bernardos de Santa María de Meira e Santa María de Monfero, moi relacionados con esta Terra dende entón até a desamortización de Mendizabal.

Nuns documentos da mencionada abadía de Monfero, redactados contra mediados do século XIII, aparece o topónimo Vilalba, que, no decurso do tempo, foi escurecendo o de Montenegro. Agromou, pois, definitivamente a actual denominación desta vila, Santa María de Vilalba, que, logo da doazón de Pedro I, primeiro, e a mercé de Henrique II, despois, converteuse nun dos estados da Casa de Andrade. Diego de Andrade, I conde de Vilalba, reedificou o edificio máis emblemático desta vila, a súa fortaleza, da que unicamente permanece en pé a torre da homenaxe.

O culto a Santa María seguiu a expansión lóxica nos séculos baixomedievais, e mesmo se fundou na igrexa parroquial a capelanía colativa de Santa María a Nova, cuxo padroado exercía a casa de Vilamartín de San Xurxo de Rioaveso.

Ao longo do ano 1598, seguindo o Camiño Norte, dende Mondoñedo chegou a Vilalba a vaga pestífera atlántica. Os chairegos das inmediacións deste itinerario acudiron ao Santo peregrino de Montpellier: os veciños de Carballido, nun outeiro da súa parroquia erguéronlle unha pequena capela e os de Vilalba outra no actual emprazamento. Deste xeito, San Roque tamén se converteu para os chairegos no santo avogoso contra a peste (daquela a bubónica).

A virulencia da devandita peste provocou un considerable incremento da mortalidade, pero tamén un drástico descenso da natalidade, nun panorama caracterizado xa polo alto número de párvulos que morrían antes de cumprir os sete anos (o cincocentos por mil aproximadamente).

Os vilalbeses, non contando con outros remedios máis eficaces, acudiron a San Ramón, fundando unha confraría encargada de festexar anualmente a onomástica do Santo cardeal de Portell (diocese de Solsona), nado despois de morrer súa nai. Esta é a orixe do culto a San Ramón en Vilalba, que devagariño foi desprazando a un segundo plano o de Santa María. Esta situación, dentro da secularización xeral que está a invadir a nosa Cultura Occidental, mantense até a actualidade. Manifestase, entre outras evidencias, no programa destas festas, dedicadas a San Ramón e Santa María, e non ao revés.

Naquela problemática situación era lóxico que as parturientes se acordasen do seu santo avogoso, San Ramón, para que lles dispensase unha hora curta, para que a criatura viñera ben e para que chegase á idade adulta. Mesmo as campás da igrexa, na hora do sempre difícil transo do parto, repicaban invitando aos vilalbeses a encomendar á que estaba a pasar por el ao Santo mercedario.

A comezos do século XVIII, concretamente en 1728, o clérigo patrimonialista de Insua Diego Vázquez Baamonde, nunha amena paraxe, sita nas inmediacións da Ponte de Saa, fundou una capela, situándoa baixo a advocación de San Ramón. Esta é, que eu saiba, a única mostra da expansión do culto a San Ramón pola contorna de Vilalba.

Por certo, os de Insua son uns ”fuguillas”, e xa celebraron a festa na honra do Santo, degustando no mencionado piñeiral saborosos viandas, servidas pola Casa Maragata.

O auxe do culto ao Santo comezou a decaer coa crecente intervención doutros intermediarios; estoume a referir aos obstetras, tocólogos e xinecólogos, que ofrecen outro tipo de remedios. Iso si, cada ano séguese a celebrar a comida ritual con música e outros divertimentos.

Algúns retrincos das xa pasadas festas de Santa María e San Ramón
As de San Ramón comezarían, a bo seguro, sendo unhas festas típicas de confraría: función relixiosa, na que se encomendarían ao Santo as almas dos confrades falecidos ao longo do ano; música de gaiteiros; e comida de confraternidade, na que non escasearía o bo viño das terras de Ribadavia e Lemos, traído polos arrieiros para fornecer a taberna da vila, situada enfronte do Hospital de Santa Catarina, na confluencia da Praza de Santa María coa Rúa da Porta de Cima. Afamado arrieiro de viños foi o vilalbés Xoán de Funcasta, quen, contra mediados do século XVIII, transportaba moitos pelellos de viño do Ribeiro e de Amandi nos lombos da súa recua de cabalarías.

Nun contexto no que a fartura era privativa das celebracións, coma a de San Ramón, os excesos eran habituais. Os bispos de Mondoñedo, dende Caja de la Jara en adiante, a través das constitucións sinodais, non foron quen de erradicar esta parte mundana de tales festexos.

Especialmente relevantes foron as festas de Santa María e San Ramón do ano 1893 co gallo da inauguración do novo edificio da igrexa de Santa María, que a partir de 1867 foi substituíndo a vella fábrica románica con engadidos do século XVII (1697). A substitución da vella igrexa no tería sido posible sen o apoio de Manuel Vázquez de Parga, conde de Pallares, de Ramón Vázquez de Parga, deputado, Fernando Cos Gayón, ministro de Xustiza, e o entusiasmo demostrado polo pobo de Vilalba. O bispo de Mondoñedo, Manuel Fernández de Castro, tamén tivo a oportunidade de sinalar o comezo da andadura do novo reloxo da torre da igrexa parroquial, instalado por Santiago Mato Vizoso.

Entre o ano 1870 e mediados do século XX existiron en Vilalba cinco bandas de música: a do Sur, a Lira, a Municipal, a Nova Lira e a dos Matos; elas amenizaron as festas locais durante todos aqueles anos, tocando durante boa parte daquel período encol do desaparecido quiosco modernista construído en 1881 seguindo os planos do arquitecto provincial Nemesio Cobreros, quen tamén deseñou o vello e desaparecido Campo da feira da Chouzana. Logo virían as orquestras, e, finalmente, a partir de 1991 a actual Banda de Música de Vilalba, aquí presente, viveiro de músicos e escola de cultivo da arte de Euterpe e Polimnia.

Estas festas pasaron por un momento de esplendor na década dos sesenta do século pasado. Eu lembro con moito agarimo e melancolía a voz de Pucho Boedo, acompañado polos Trobadores ou polos Satélites, que enchía de melodía a Alameda de Basanta Olano e, o seu compás, bailaban na estrada, actual rúa da Pravia, a maioría dos que quería menear o esqueleto, coidando, iso si, non seren atropelados por algún dos esporádicos e escasos coches que transitaban por ela.

Por aqueles anos, don Manuel Fraga Iribarne, aquí presente como o ten de costume nestas efemérides, era ministro de Información e Turismo, e sempre “barría algo para a casa”. A presenza das compañías de zarzuela ou de ballet non eran infrecuentes daquela nas festas de San Ramón. A moitos brindounos a oportunidade de achegarnos por primeira vez a este tipo de manifestacións artísticas. Moitas Grazas, don Manuel.

Nos últimos anos, se cadra, os actos centrais xa non foron as comidas familiares, comportamento lóxico nunha sociedade da fartura; tomaron o relevo das mesmas a xira, maiormente para as actividades propias da mocidade, e as figuras do pop. Este ano están previstas, entre outras, as intervencións do incombustible Manolo Escobar e de El Sueño de Morfeo.

Algunhas suxestións para as futuras festas
Todas as Comisións organizadoras das Festas de Santa María e San Ramón, con mellor o peor acerto, deron o mellor de si mesmas a prol das festas dos nosos copatróns. A todas elas moitas grazas polo seu altruísmo.

Non obstante, como é evidente, Vilalba está a deixar de ser unha vila para se converter nunha pequena cidade. Doutra banda, conta cunhas infraestruturas magníficas para a organización de eventos, como é o caso deste Auditorio, un dos mellores de Galicia en condicións acústicas, segundo apuntan os entendidos en cuestións de son.

Aínda que a actual conxuntura, caracterizada con moita probabilidade por unha clásica recesión en L, non é a máis propicia para facer mudanzas; de cara ao porvir non sería desatinado, ao meu modo de ver, pensar nunha curta temporada de ópera ou de zarzuela.

Por outra parte, dicir Vilalba é case sinónimo de “Certame Literario”, pois no presente ano, neste acto, estamos celebrando xa a entrega dos premios que lles corresponderon aos gañadores da XXXVI edición. Aproveito a ocasión para darlles os meus máis efusivos parabéns a: Pablo Bouza, xefe de servizo do concello de Culleredo e, sobre todo, poeta, quen, coa súa obra Na imtimidade do azougue, acadou o primeiro premio; e non é esta a primeira vez que o fai aquí en Vilalba. Tamén a Martiño Maseda, que, na súa terra de Xoibán, foi quen de non extraviarse Nos labirintos das almas, acadando con esta obra o segundo premio; tampouco é esta a primeira vez que é galardoado no Certame litarario de Vilalba. Parabéns os dous e moitas grazas por este agasallo en forma de poemas, co que nos obsequiades nestas festas de Santa María e San Ramón.

Estas xustas literarias, xa moi valiosas en si mesmas, acadarían unha maior relevancia para a Terra Chá se a súa temática versará sempre e necesariamente sobre algún aspecto de Vilalba e da súa bisbarra, e se o Concello, en conxunturas máis boiantes cá presente, se comprometera a dalas ao prelo, actuando de editor das mesmas. O destino das obras de investigación e de creación debe ser a súa publicación, pois, de non facelo así, dificilmente poderían saír do gueto dun curto número de iniciados (cando a redacción deste Discurso xa estaba rematada, o señor García-Leira Boado, actual concelleiro de Cultura, informoume da edición por parte do concello e da editorial Espiral Maior das obras premiadas na edición XXXV (Ingrávido signo, precisamente de Pablo Bouza, aquí presente, e Outono, mancebo céfiro de ás ergueitas, de Xosé Otero Canto. Xa tivo lugar a súa presentación nun acto moi emotivo e brillante, o día 24 na Casa da Cultura. Parabéns. Moitos parabéns e todos debemos felicitarnos por esta realidade).

Para ir rematando
Quero lembrarme aquí do noso párroco, animador cultural e home comprometido coa Terra, don Uxío García Amor, que ven de pasar polo sempre difícil transo dunha intervención cirúrxica, e desexarlle unha pronta e total recuperación. Nomeadamente a familia do IESCHA querémolo ver novamente nos actos culturais que organizamos. Persoalmente quero asemade pedirlle licenza para invocar a Santa María e San Ramón cos seus atinados versos:

Non podes ti faltar, nosa Naiciña,
na festa familiar que che ofrecemos,
nin pode ese teu pan que hoxe comemos
esquecerse no forno da cociña.

Benvido, San Ramón, á nosa festa,
co teu fulgor e coa túa historia,
para enchernos da túa feliz gloria
e arrincarnos da nosa morna sesta.

Nesta difícil conxuntura pola que estamos a pasar, facendo meus os devanditos versos de don Uxío, pídolle aos copatróns de Vilalba que inciten aos autoridades a solucionar os problemas económicos que tanto nos desacougan, especialmente aos que non teñen traballo, e, de cara ao futuro, para que se preocupen de crear infraestruturas económicas que ofrezan empregos dignos á nosa mocidade, que é o noso futuro.

Con palabras do Poeta da Chaira, o inmenso Manuel María, quero que todos, chairegos e foráneos, canten e vivan estas festas do San Ramón co sentimento que el pregoou:

¡Qué ledicia, miña amiga, vir a esta festa maior
compartir coa nosa xente o pan, o viño, o amor ...!
Coa ledicia por bandeira.

E xa para rematar, definitivamente, tomo prestados aqueles fermosos versos inseridos en Charetas, valioso libro póstumo de Antón García Hermida, de Antón da Ponte do Escourido, do secretario da Irmandade da Fala de Vilalba, e un dos patriarcas da nosa república literaria.

Do poema Rí tu tamén, miña vila
Nas festas de San Ramón,
nistas festas tan sonadas,
á sombra do teu castelo
rí tú tamén, miña vila,
rí con forza, rí con ganas
ó son das campás lixeiras,
ó son da gallega gaita,
nistas festas
tan sonadas.
E tamén en ¡Ei, rapaces!
¡Ei, rapaces! ceibade un atruxo,
que no pobo hoxe hai festa tumbada,
que hoxe hai festa na nosa viliña,
na vila risoña,
na nosa Villalba.

Se cadra, a ledicia, recomendada por Manuel María, a risa e os atrutos postulados por García Hermida nos podan servir de terapia momentánea fronte á difícil situación actual.

Coa venia das Vosas Maxestades, señoras raíñas e damas de honra, e tamén coa licenza do Señor Alcalde dou por rematada esta disertación.

Moitas grazas pola atención prestada. Bo serán. E felices festas de Santa María e San Ramón para todos vostedes e os seus convidados. Deica sempre.

05/09/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión