Prepararse para unha loita longa


Fermín Bouza

A perda electoral do Bipartito en 2009 está a ter altísimos custos para Galicia, tanto no terreo da conservación do territorio, a economía en xeral ou a mesma lingua, moi ameazada e perdendo falantes co vento estatístico e as novas leis moi en contra. A lingua debería estar á marxe das maiorías de goberno: todos arroupándoa, máis aló das crenzas políticas. Pero non é así.

As últimas noticias das actividades das bandas da porra (lingüística), como se chamaban noutros tempos, contra o galego, engadidas ás actividades negadoras da administración en curso, ou a outras actividades nada estimulantes e nesa mesma liña, avísannos de que imos cara a un escenario de guerra longa e de desgaste no que é absolutamente necesaria a ampliación e mobilización da base social que loita activamente pola defensa e conservación viva e activa da nosa lingua.

Non é tan importante unha vitoria inmediata e efémera como a consolidación das posicións cívicas que o galego obtivo nos últimos anos, a pesar do seu innegable retroceso como lingua urbana viva. E nesta mesma liña tampouco son excesivamente relevantes os golpes que os adversarios do galego (boa parte das vellas clases medias familiares, non as novas clases medias emerxentes nin unha parte importante das clases altas de vangarda, empresarial ou comercial, pero si sectores populares sen gran formación que operan coa crenza de que o galego é unha lingua atrasada e inútil) tratan de darnos e que con frecuencia alcanzan os seus obxectivos, cunha certa desmoralización engadida.

Para ampliar e mobilizar á maioría da poboación son precisas políticas máis abertas socialmente, máis estimulantes para as clases medias e máis consensuadas. O partido ou coalición que foi historicamente máis activo no tema lingüístico, que é o BNG, tende a pecharse nun escenario político pasado no que unha posición de esquerda pouco fluída limita extraordinariamente o seu alcance político, tamén no tema lingüístico que, asimilado á actividade do BNG, parece ser algo moi de esquerdas e moi nacionalista, o cal é moi pouco certo, aínda que como dicía o sociólogo Thomas, e segue sendo certo, o que definimos como real é real nas súas consecuencias.

Por tanto, o galego é cousa de esquerdas e nacionalista. E moi radical. Por aí imos moi perdidos nunha guerra longa: xa a perdemos, se non rompemos esas crenzas populares inducidas desde a actividade política non matizada. O PSdG-PSOE, que é un partido socialdemócrata e foi noutro tempo tamén (e quere seguir a selo cos seus novos cambios, segundo se entende do que din os seus líderes) un partido galeguista e federalista, como o PSC, por exemplo, pode chegar con facilidade a esas novas clases medias, e tamén ás clases altas, ademais das clases populares, e normalizar a imaxe da loita polo galego como a dunha loita xusta, necesaria, moderna e en absoluto radical, no sentido habitual desta palabra.

Se o BNG atende a reflexións como esta e outras e se suma a unha estratexia así, tranquilizadora e normalizadora (faino tamén con frecuencia), esa longa guerra da lingua transformarase nun longo consenso xeneralizado no que Galicia recuperará, a esquerda e dereita, a súa dignidade como pobo.

17 de set. de 2010

1 comentários :

  • O caso é que toda a xente de esquerda que coñece coincide máis ou menos na diagnose que de forma tan clara expón Fermín Bouza.

    Pero entón, que pasa no BNG e no PSdG, que non escoitan á sociedade? Que é o que hai que facer para que saian do seu ensimesmamento?

    Non entendo cousa desta clase política que nos tocou en sorte. A experiencia do bipartito, alén do primeiro goberno progresista de Galiza, é unha lección que debería estar servindo para cambiar moitas cousas nunhas organizacións da esquerda que, por desgraza, parecen querer instalar á neodereita no poder para moitos anos.

    Xesús, que tropa!

    14:01 do 18 de setembro de 2010

Danos a túa opinión