Actividades da AELG para este trimestre

Redacción

A Asociación de Escritores en Lingua Galega remata estes días os derradeiros preparativos dun trimestre cheo de actividades, das que cómpre salientar:

O V Ciclo de mesas redondas “Escritoras/es na Universidade”, a celebrar entre o 7 de outubro e o 4 de novembro no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, con participación de Estíbaliz Espinosa, Dores Tembrás, Xosé Monteagudo, Begoña Caamaño, Lara Bacelo e María Lado.

En colaboración co Consello da Cultura Galega organizase a II Xornada da Crítica baixo o epígrafe A crítica e a Literatura Infantil e Xuvenil, que acollerá a cidade de Compostela o 22 de outubro. Participarán nas ponencias e nas mesas redondas destacados especialistas no tema, como Isabel Mociño González, Xosé Manuel Eyré, Caterina Valriu, Mª Jose Olaziregui, Mª Victoria Sotomayor e José Antonio Gómes.

Co patrocinio de CEDRO, Deputación Provincial da Coruña e Concellaría de Cultura da Coruña, o V Encontro de Escritores/as novos/novas celebrará o 6 de novembro tres mesas redondas sobre o estado da poesía, a importancia dos premios literarios e a literatura galega hoxe ante o seu idioma, moderadas, respectivamente, por Antía Otero, Francisco Castro e Marta Dacosta.

Lugo acollerá, o 5 e o 6 de novembro, co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial e a coordinación de Antonio Reigosa e Isidro Novo, as III Xornadas de Literatura de Tradición Oral, centradas na Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e fantasmas, con participación de Marcial Gondar, Joan Soler, Camiño Noia e Xoán Ramiro Cuba.

Tocante as Polafías, coordinadas por Antonio Reigosa, o calendario das programadas é como sigue: Moaña, 30 de outubro; Chantada, 6 de novembro; Maceda, 13 de novembro, e A Fonsagrada, 20 de novembro.

A XXVII edición do Galeusca, baixo título xenérico Literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro, ocupará a actividade cultural da cidade da Coruña entre o 29 de outubro e o 1 de novembro. Temas como as viaxes na Literatura, ou a Literatura como fornecedor de contidos da industria cultural centrarán as mesas redondas nas que participarán escritores e escritoras galegos, vascos e cataláns.

05/10/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión