Cartas a Antón

Bernardo García Cendán

Lugo, 22 outubro 2010

Meu querido Antón:

Nova carta, pero poucas respostas para as moitas preguntas que me fas. Antes ti facíasme comentarios do que acontecía para que eu os reflectise na carta do venres. Así daba gusto porque eu non tiña máis que reproducir as túas verbas (as publicables, claro), pero desde que estás fóra da vila, a penas comentas nada e preguntas moito. E moito é o que debes gastar en telefonía móbil, pero, claro, como paga o teu fillo .....

Hai uns días reprochábasme que non tivese estado no concerto que deu a Coral Vilalbesa xunto con outras dúas. En canto cho dixo o crego Mato, faltouche tempo para agarrar de móbil e poñerme verde. Teño que recoñecer que algo de razón tes porque efectivamente debería ter estado presente, tanto polo que me comprace como polas circunstancias que acompañaron esa mostra musical, por exemplo o estreo dunha nova peza por parte dos meus amigos cantores. Ademais diso, o meu compañeiro Mato, director do Orfeón lucense, chamoume repetidamente porque tiña interese en comentar comigo o progreso dos coros galegos. Así que pido perdón pola miña ausencia. Pero tamén debo dicirche que tiña motivos familiares moi serios e moi fermosos para exculparme.

Creo que non te informei dunha boa nova, acontecida na miña familia, que me encheu de tenrura. Naceume un neto. Dixen mal, naceume un novo sobriño-neto que, xunto cos outros dous, van compoñendo ese tecido tan entrañable de pequerrechos que substitúan aos verdadeiros netos que eu non puiden ter. Chámase Víctor e ten unha aparencia tan apracible e serea que mesmo semella un anxo a durmir tranquilamente nos brazos de quen o acolle, coma se quixese recitar co seu soño o gran poema da paz. Puxéronmo no colo e alí estiven máis dunha hora a ollar aquela cariña na que quixen, sen resultado, auscultar as imaxes que bulen xa, supoño, na súa cabeciña. Xa ves, Antón, un contacto co gran misterio da vida que sempre me impresionou.

Espero que tal goce poida escusar, diante de ti e dos cantores vilalbeses, a miña ausencia do concerto. O malo é que, despois do que che dixen, non me é doado falarche das outras banalidades da vida que van enchendo as nosas cartas ao longo do ano, pero, en fin, digamos algo da Coral que, despois de todo non é tan banal, porque eu son dos que creen na música coma o gran agasallo de Deus en forma de linguaxe primordial para nos poñer en contacto directo e inmediato coa divinidade, sexa esta a das miñas crenzas ou sexa a das crenzas dos ateos, que algunha terán, digo eu.

Pois ben, téñolle apego a esa Coral que eu vin nacer e na que puxen o meu grao de area para que tivera existencia: aqueles ensaios primeiros na casa do Cerillas, a entoar “O Consolo”, lembras? aquilo do sol que escomeza a pórse / orade, di a campá .... Por certo, non se che acorda o moito que che insistín en que viñeses probar se valías para o canto?. Fíxeno, tamén sen resultado positivo, porque ben notei que non tiñas mal oído, a túa voz non desentoaba e o ambiente amistoso habíache compracer moitísimo, como nos acontecía aos demais. E, por riba, eras moi amigo do Antoñito Paz, do Goldar e do director, Alfonso, cura de Burgás. Pero, xa digo, nada, non quixeches participar: ti, tan túzaro coma sempre, malia ser moito máis novo ....

A última vez que vin actuar á Coral foi na misa de San Ramón, e atopeina moi afinadiña e conxuntada, e advertín mesmo a presenza dalgún novo compoñente coma o Tito do Ramallal, o que non deixa de ser unha esperanza. Sempre me pregunto que cumpriría facer para que tantos vilalbeses que cantan ben, mesmo moi ben, e que por riba se divirten cantando, se decidan a compartir cos coralistas o gusto da música. En máis dunha ocasión, ti mesmo, amigo Antón, tesme preguntado por que, habendo tantos estudantes no Conservatorio, non proliferan máis os creadores de grupos con iniciativas musicais propias, polo estilo do que foi Xorima ou Os Malos Hábitos, por exemplo. Non sei responder, pero por veces teño soñado con que aparecese algunha xente nova, con ansias de cantar, que lle dése á Coral un pulo de renovación, o que seguramente tamén sería do agrado dos actuais participantes. Ou mesmo, a creación de cuartetos ou octetos, ao estilo de Euskadi, que animase os veráns da vila. A propósito disto, lembro con agrado aqueles tríos de cordas que dulcificaban cos violíns os recunchos da praza con motivo da Feira Medieval, aínda que eu aquí estoume a referir especialmente á promoción do canto. Por certo, unha tarde atopeime por casualidade con catro exalumnos meus, vestidos de tunos, e ocurriuseme levalos por algúns bares e poñelos a cantar. A verdade é que cantan moi ben, pero non te podes imaxinar, Antón, a cariña de satisfacción que se vía nos seareiros dos bares. Foi nesa ocasión cando volvin a me preguntar se haberá xeito de animar á mocidade. Ti mesmo, meu amigo, fálasme moito dun caso como é o das Pandereteiras de Andrade que, por fortuna, senten a Galicia en plena Chaira. Ben me lembro delas, pero déixame soñar con moitos máis vilalbeses a cantar na Coral, ou a cantar pola súa conta ou as dúas cousas ao mesmo tempo, porque, como ti me dis a cotío, primeiro é soñar e despois facer realidade aqueles soños, un traballo espléndido a realizar polos animadores da cultura.

Nada máis por hoxe, e non te queixes. Recibe unha forte aperta do teu amigo,

Bernardo 

24/10/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión