Día en branco (e II)

Mario Paz González.-

Non vou ser agora eu quen faga unha crítica sobre a necesidade de practicar algunha que outra vez na vida a lectura sistemática e ordenada. Alomenos, cando un quere abranguer e dominar con plenitude un tema específico é a opción máis desexable de todas as posibles. Con todo, ler dun xeito caótico, deixando que sexa a fraxilidade do azar quen traia ás nosas mans, con esa veleidade que a caracteriza, as lecturas elixidas, tamén resulta útil, osixenante, pois abre innumerables físgoas de liberdade propondo ramificacións ás que a lectura ordenada, por mor dese corpiño seu tan cinguido, xamais podería aspirar. É entón cando se acada a sensación de que, non só entre os libros, senón tamén entre todos os textos escritos ao longo e ao ancho do orbe existe unha interconexión tanxible que, dalgún xeito que non podemos controlar, esvae ante os nosos ollos, un vasto sistema de comunicación oceánico que enlaza, a través de ocultos vasos comunicantes, uns textos con outros, uns temas con outros, uns autores con outros, por moi afastados que poidan estar no ámbito xeográfico ou, mesmo, no cronolóxico. Saltar azarosamente de Caritón de Afrodisias a Thomas Pynchon, e de este a Murasaki Shikibu, e dela a Rosalía de Castro, a Omar Khayyam ou a Mark Twain non serve máis que para constatar dun xeito minucioso e espléndido que a biblioteca de Babel “iluminada, solitaria, infinita” da que falaba Borges áchase oculta, sen dúbida algunha, no mesmo centro da imaxinación de todos e cada un dos lectores.

Meditaba sobre estas cuestións o outro día, lembrando aquel artigo de Fernando Pessoa, cuxo contido glosei brevemente non hai moito aquí mesmo, e que fora publicado o 25 de xuño de 1926 no número sexto da Revista de Comércio e Contabilidade de Lisboa. O devandito texto, como algún se cadra poida lembrar, abordaba as propostas realizadas á Sociedade de Nacións a principios do século XX sobre a reforma do calendario. O caso é que, inda ben non viña de rematar aquela glosa e as miñas mans e os meus ollos xa pasaban, como por arte deses camiños obstinados nos que o azar se empeña en guiarnos, a outro texto que, inda que afastado daquel, resultou, para a miña sorpresa, non ser outra cousa que unha feliz prolongación do mesmo tema. Unha prolongación que fora publicada, curiosamente, case dez anos antes, en 1917, no número 5 da “revista neosófica” La Centuria, editada en Ourense por Vicente Risco.

Nun artigo titulado “El Calendario Universal”, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, un dos fundadores da publicación xunto ao propio Risco e Florentino López Cuevillas, analizaba unha daquelas tres propostas das que falaría nove anos despois Pessoa. Precisamente a que o portugués denominaba “radical” e que suxería a instauración dun calendario perpetuo que modificaba practicamente por completo o gregoriano actual. Segundo as informacións achegadas por Rodríguez Sanjurjo, máis xeneroso en detalles que o portugués, a autoría da proposta debíase a un tal Paul Delaporte e fora exposta en 1913, no Congreso Internacional de Liège sobre a Reforma do Calendario contando coa beizón, a xeito de xeneroso prefacio, do recoñecidísimo astrónomo galo Camille Flammarion, fundador da Sociedade Astronómica Francesa e autor el mesmo, aínda que algún tempo antes, da súa propia proposta de reforma.

Detense Sanjurjo a analizar o texto completo de Delaporte e a valorar a súa “orde perfectísima e rigorosamente científica”. Tamén fai un prolixo percorrido pola historia do calendario desde a Antigüidade até os nosos días, sinalando que o nome escollido para os meses do ano nesta nova proposta sería algo dunha sonoridade tan rechamante como: Primile, Duxile, Tercile, Quartile, Quintile, Sextile, Septile, Octile, Nonile, Décile, Undile, Dudile e Tredile; mentres que os días da semana ían ser: Anerdi, Duerdi, Trierdi, Quaterdi, Quinterdi, Sexterdi e Septerdi, e que se corresponderían, como no mundo anglosaxón, cun ciclo de sete días que comezase no equivalente ao actual domingo e non en luns. Ao que Pessoa denominaba “día en branco” déuselle en realidade o nome de “día de liquidación”, pero, o mesmo que no texto do poeta portugués, non se aclara cal podería chegar a ser o seu mellor uso.

Visto en perspectiva, resulta, cando menos, curioso, por non dicir “entrañable”, esa apaixonada obstinación, ese denodado empeño amosado por Primitivo R. Sanjurjo en defender a proposta de Delaporte. Sobre todo por contraste coa frialdade case burocrática de Pessoa no informe por el elaborado. Se cadra porque no seu caso tratábase dun traballo alimenticio daqueles que lle permitían dedicar a maior parte do seu tempo a outras actividades sen lugar a dúbidas máis estimulantes. Malia iso, non me custa imaxinar o xeito no que, a comezos da pasada centuria, cuestións como esta puideron desatar furores máis ou menos enconados nalgúns temperamentos sensibles, do mesmo xeito que outras similares poden desatalos hoxe entre nós. Porén, ao ler agora todo isto, case un século despois, trasladando a cuestión a outros aspectos do cotián, como o político, ou o social, resulta inevitable facer outra reflexión.

Nunha época como a actual, na que tantas cuestións de importancia seguen aínda pendentes, xa ninguén lembra algo que hoxe nos poida parecer, se cadra, tan intrascendente como aquelas propostas sobre o calendario feitas á Sociedade de Nacións, pero un non pode evitar preguntarse se moitas desas reformas pendentes de agora, que pasan pola reivindicación dun mundo máis xusto, máis igualitario, non serán vistas, pasados cen anos, feridas desa mesma anacronía coa que hoxe vemos aqueloutras do pasado. Un quixera pensar que non, que, de aquí a entón, moitas cousas poderán cambiar para ben, pero inevitablemente, mentres pecho o amarelado exemplar de La Centuria, voltan á miña mente as palabras de Camille Flammarion citadas por Rodríguez Sanjurjo: “hai para os reformadores un inimigo contra o que todos se estrelan: a rutina”.

29 de out. de 2010

1 comentários :

  • Moi interesantes as reflexións dos dous artigos. Como ben dis, o azar fai que as lecturas se vaian encadeando por riba da nosa vontade. Por iso, déixote outra azarosa referencia máis ao mesmo tema, extraída dunha desmitificadora novela de Robert Graves, Rei Xesus (1984):

    “Entre as moitas fazañas profetizadas para o Mesías fillo de Xosé contábase a reforma do calendario. Xesús non se revelara aínda como o Mesías, de modo que acababa de publicar o plan da súa reforma, pero contentándose coa súa mera exposición e sen extraer as consecuencias. Ao dividir o ano en trece meses, cada un de vinte e oito días -que era o sistema seguido polos antepasados dos xudeus antes de chegar a Exipto- cada mes tiña catro semanas, e só quedaba un día máis, é dicir o do solsticio de inverno, o do nacemento de Xesús e o da sementeira do gran sacro; a última semana de sete días agrandábase e convertía nunha ogdóada, ou semana de oito días. Oito é o número tradicional da abundancia; e por esta razón o pan do templo levaba a marca dunha cruz de oito puntas. No novo calendario, en lugar dos cinco días excedentes, que en Exipto se consagraban a Osiris, Horus, Set, Isis e Neftis, só quedaría un, que se consagraría ao fillo do home profetizado por Daniel. Todas as estacións do ano pagaríanlle tributo. Porque Benxamín significa «fillo da miña man dereita», e o fillo do home había de sentar á destra do seu Pai, o Ancián dos Días; e a dereita entre os xudeus significa tamén o sur, onde estivera o raparigo dentro do círculo de espectadores.”

    17:59 do 8 de xaneiro de 2011

Danos a túa opinión