Entre políticos anda o xogo

Xulio Xiz.-

Non todos os días andan arredor de nós un Ministro do goberno central e un Conselleiro da Xunta de Galicia para inaugurar dous tramos de autovía, a que vai unir o norte da provincia de Lugo e de Galicia coa A-6, gran vía de acceso ó noso país desde o resto de España.

Sempre é interesante que veñan políticos de relumbrón á nosa comarca, porque ou traen importantes promesas ou veñen inaugurar, neste caso era inauguración, que aínda que parcial é tremendamente interesante polas repercusións no futuro das nosas comunicacións.

O que xa non é tan normal nin digno de destacar alomenos de xeito eloxioso é que dous políticos esquezan o seu papel institucional e se lancen mutuas acusacións de retraso nas obras da súa competencia, transformando un acto inaugural nun inadmisible conflicto entre institucións, no que non importa quen comezou (empezar, empezou o Conselleiro) e quen continuou, senón que o que interesa é o non saber manter o tipo, gardando as formas, por parte de representantes institucionais diante doutros representantes do pobo, elixidos para gobernar e para representar unhas institucións que sempre han estar por riba de calquera diferencia persoal.

Ao Ministro Blanco aínda lle quedaba un trago que pasar na capital lucense, durante a presentación do selo de correos dedicado á Muralla romana cando un grupo de sindicalistas traballadores de Correos e Telecomunicacións lle cantaban o “Ai, Pepiño adiós”, en versión especial motivada pola supresión de servizos de correo no rural.

As crónicas falan de tensión entre José Blanco e Agustín Hernández nas fronteiras da Terra Chá, no concello de Abadín, ó inaugurar dous tramos da Autovía 8 entre Abadín e Castromaior e entre Castromaior e As Touzas, nun acto que tiña ser ledo e tranquilo, como un adianto do que acontecerá na próxima primavera cando se inaugure o tramo entre as Touzas e Vilalba, ou no 2012 cando se prevé que remate esta gran obra.

A tensión evidenciouse nos parlamentos oficiais dos dous políticos, e tensión ó remate destas intervencións, cando a conversa entre os dous líderes deixou de manifesto que a cousa viña de lonxe, e que non facía falla moito esforzo analítico para entender que se trata dunha utilización partidista dun acto inaugural, un acto que resultou que viña formar parte dunha campaña electoral que dura xa demasiado tempo e que só rematará coas próximas eleccións na primavera de 2011. Que ó xulgar pola marcha que leva a campaña oficialmente non comezada vai utilizar todo tipo de armas, mesmo as que coidabamos non deberían empregarse nunca.

Os políticos debían ser conscientes de que unha inauguración oficial non é máis ca un acto normal que podería protagonizar calquera xefe de negociado. Que o importante é a obra, para a que os cidadáns lles damos – a través dos presupostos xerais do estado- a financiación correspondente. Que o que eles fan non é outra cousa que administrar eses fondos, e organizar administrativamente a realización das obras. E unha inauguración non é máis ca o recoñecemento de que un persoal e unha institución cumpre co seu traballo. Nada máis.

Todo o demais é un sensentido. E os dous políticos protagonistas do caso, a estas alturas deberían estar razonablemente avergoñados, se é que a política non lles ten cauterizado xa o sentido común.

21/10/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión