Inauguración da Exposición 'Palavras' o vindeiro día 9

Carmen Cabaneiro e Beatriz S. Saá

Esta exposición é unha singradura e os distintos códigos utilizados nela son iso para nosoutras: Instrumentos de Navegar. Navegar vida e alcanzar unha forma de vincularse unha co mundo.

Somos natureza, mais natureza capaz de pensarse a si mesma con palabras. Somos nomeados polas verbas e éstas delimitan o noso mundo, as nosas construcións mentais, e tamén a realidade social na que nos situamos e que construímos entre tod@s. As palabras constitúennos e izan fronteiras, murallas, pero tamén permiten derrubalas. Quizais é aí onde reside o poder inmenso da palabra, nas marxes, nos límites. No fondo habitámolas tanto como elas nos habitan a nós. Son o fogar mais poden ser o inferno. A súa forza arrástranos e tráenos desde a inocencia da infancia até a complexidade dos vivires adultos, tan diferentes en función dos discursos dominantes en cada un.

Aquí as palabras son elemento pictórico e escultórico. Significante tanto como significado. Son a pel que nos limita e que ao mesmo tempo nos conecta co que aparentemente é exterior. Protexe o noso interior e sérvenos como substrato que nos alimenta e enriquece. Simultaneamente ocultan e revelan territorios insospeitados, erixen escenarios simbólicos que ás veces atravesamos felices mais outras terriblemente perdidos. Queremos xogar coas palabras e cos mundos que se constrúen a través delas, facer explícita a tea de racionalidade que crean, sen esquecer que hai todo un enramado profundo mediatizado, aínda que por sorte non totalmente determinado por ela. Cando nomeamos, eliximos, e traemos a un primeiro termo a “realidade”, que inevitablemente deixa nun segundo plano todas as outras posibilidades descartadas. Espazos baleiros nos lenzos, muros cerámicos nos que están prisioneiros poemas e seres, xogos perceptivos, os límites, as dualidades...; que con máis ou menos fortuna pretenden facerse eco de todo aquilo que queda semi-oculto tras a estela luminosa das palabras.

Algunhas veces “o dicir” cobre, vela, e outras veces desvela todo un mundo interior que se oculta tras a máscara, tal e como se alude na sabedoría popular coa expresión “medias palabras” ou nos antigos conceptos de persoa e de verdade (aletheia) no teatro grego.

As palabras son máxicas. Evocan e crean universos cheos de beleza que poden reivindicar realidades diferentes, e por que non, cambiar o mundo e a posición dos individuos nel, sen esquecer que pola súa ambivalencia poden ter o poder inverso de sumerxirnos en sub-mundos cargados de terror.

Hai case 2500 anos, Gorxias dicía que a palabra modela a alma. Esta “pode eliminar o temor, suprimir a tristeza, infundir alegría ou aumentar a compaixón”. O antigo filósofo sofista sinalaba o fío estreito do que pendura a liberdade cando entra en xogo a suxestión das verbas. Tal e como el nos lembra, seducidos polas palabras non hai culpa, tan só mala sorte. Motivados por elas os nosos pasos poden dirixirse a fines moi distintos, alcanzar as metas máis loábeis ou caer enredados nas trampas da linguaxe.

Os textos prisioneiros nas obras son un regreso ao noso interior, un camiñar quedo cara territorios afastados do exceso de información que vivimos na nosa época desnortada. Amor á vida e pola beleza que nela existe, paixón pola investigación plástica a través de conceptos, procura de estratexias, de sendas para atoparnos a nós mesmas...; todo elo non sempre conseguido e polo tanto aberto a novas posibilidades. Paradóxicamente esta mostra reflicte a nosa falta de palabras, o extravío entre os códigos, e a nosa necesidade insubornable de abeirarnos na arte.


A inauguración desta exposición terá lugar o vindeiro 9 de outubro ás 19 h. no Auditorio de Vilalba.

06/10/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión