Inaugurada a mostra 'Un ceo de farrapos', de Moscardó

Redacción.-

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, asistiu onte xoves ao acto de inauguración da mostra de Luís Moscardó “Un ceo de farrapos”, que tamén contou coa presenza da directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, ademais de Luís Moscardó, o propio artista, pintor valenciano vinculado coa Terra Chá luguesa. A mostra, que permanecerá na sala de exposicións da Deputación de Lugo desde hoxe ata o vindeiro 12 de decembro, está composta por arredor de medio centenar de collages que se complementan con versos de Margarita Ledo Andión e de Luis Pimentel.

Antón Bao voltou a agradecer a Luis Moscardó o esforzo e o traballo, e deulle os parabéns por axudar ao público a “reler e comprender a Pimentel e por ofrecernos este anovador rostro da súa poesía, unha poesía que Fole definía como fonda, un tanto angustiada, envolta en luz melancólica”. Luís Moscardó parte da observación, dunha percepción sensitiva e sensorial do mundo e da vida e do cambiante da paisaxe e constrúe un mundo visual de imaxes que se debuxan para intentar de novo ser algo que xa foron. O pintor dálle imaxe á poética pimenteliana a través da súa propia experiencia, constituíndo as súas obras un corpo común de unión entre os dous autores. A fascinación que a obra de Luís Pimentel produciu en Luis Moscardó fixo que esta se reflectise na súa produción artística como inspiración, motivo e pretexto.

A relación da literatura coas artes plásticas é unha constante ao longo da historia, e na mostra de Luis Moscardó tamén se afonda nesta unión. As obras aparecen vinculadas aos versos de Pimentel nun xogo de imaxes e palabras que se sosteñen mutuamente e que proporcionan unha visión nova e orixinal ao público que se achegue a visitala. Dentro da produción artística de Moscardó existe unha inspiración oriental e unha poética de aparencia sinxela pero sempre complexa en simbolismos, que impregna a súa obra e que queda tamén patente nesta nova e inédita serie.

15/10/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión