Nostalxia de outra dereita

Fermin Bouza.-

Que a Xunta de Galicia desatenda os mandatos da UE sobre espazos protexidos, ou que o Río Eume, e con el o Parque do Eume sexan xa practicamente irrecuperables, é algo normal nas noticias do meu país, nas que non só a lingua é gravemente cercada pola mesma Xunta senón outra serie de cousas que, se algo non o remedia, acabarán a curto prazo coa Galicia que vostedes coñecen (xa está medio acabada). Son as marabillas do modelo de dereita do que gozamos, e do silencio que a rodea.

Non boto tanto de menos unha esquerda máis activa e eficiente como unha dereita normalizada, tanto en Galicia como no conxunto do Reino de España. É posible que as dereitas nacionalistas vasca e catalá xa sexan así, ou o sexan de forma suficiente, pero non é así a dereita castiza nin, no meu caso, a galega. Coñecín xentes conservadoras que individualmente son moi tratables, e mesmo cultas, no bo sentido, e até liberais, polo menos en perspectiva teórica (esquezan a Aguirre e similares, por favor). Se cadra non teñan outro sitio onde meterse que no PP, pero non parece que poidan cambialo de forma significativa.

O que un se atopa é unha enorme insensibilidade tanto en cuestións económicas (digan "sociais", se queren) como vitais, xa sexan ecolóxicas ou ecolingüísticas, como ocorre en Galicia. Dediquei a isto a miña viaxe de volta de Galicia, para acompañarme a min mesmo e non dar a vara en exceso ao meu acompañante. Cando as cousas non acaban de ir ben, e a iso engádese a desfeita de culturas e territorios, a ausencia dunha dereita culta e sensible é moito máis acusada.

Entretida en facer riqueza para si mesma a curto prazo, a nosa xente de orde vai xerando unha desorde de toda clase ao seu redor que algún día podería volverse na súa contra. Tanta destrución debe rematar, se non en nome das cousas clásicas como deus, a moral e outras que tamén foron de referencia para os hoxe destrutores, si en nome da sustentabilidade, o progreso e a paz. Chegando ao final do día, alguén que tampouco parece de esquerda, insulta de forma vergoñenta a Moratinos. É o signo dunhas carencias históricas que agora pagamos.

28/10/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión