O que temos que aprender

Xulio Xiz

Foi a primeiros dos anos sesenta cando o campo galego se veu invadido por vacas extranxeiras que primeiro complementaron e logo foron substituindo a moitos exemplares da raza rubia galega, aínda que o traballo das agrupacións gandeiras permitiu conservar esta raza perfeccionada a través da selección dos mellores exemplares, coñecidos desde entón como a “raza rubia galega mellorada”.

Deuse en dicir daquela que as vacas de importación eran suizas, e suizas foron considerados todos aqueles exemplares que tiñan ubres monumentais productoras de leite en cantidades tales que animaron ás nosas xentes do campo a especializarse na producción leiteira que as novas reses garantían. E a xeografía galega e chairega encheuse de vacas brancas con manchas negras, suizas a ollos de profanos, e nesa confianza inculta estiven estes anos, coidando que toda Suiza era un panorama en branco e mouro pacendo nas inmensas e verdes pradeiras dese mítico país.

Visto está que viaxar mata ignorancias, e a primeira que puiden contrastar recentemente foi saber que as vacas que chamabamos suizas non eran tales. Porque as vacas suizas son marróns, ou pardas, sendo as holandesas as que están tintadas en branco e negro.

Pero eso sí, as vacas marróns ou pardas de Suiza pacen libres nuns prados verdísimos que parecen ser tido trazados a cordel e rapados “ó cero” de xeito maxistral. E puiden ver, nun prado, como un labrego armado dun recolledor de herbas lmpiaba unha ladeira que quedaba como un xardín.

Diante de cada casa rural suiza, cadanseu coche de luxo ou de medio luxo, moitos todoterreos; un extraordinario ambiente de limpeza nas estradas, nas fincas ou nos contornos das casas; vexetación controlada, ambiente puro, sen verquidos contaminantes, sen estridencias, cunha zona rural na que unha casa non desentona da anterior e da seguinte, onde os alboios non son tales senón construccións que harmonizan coas vivendas. Suiza é todo un exemplo do que pode conseguir un pobo organizándose e planificando de xeito sensato a súa vida e o seu futuro.

Tense considerado que Galicia é algo así como unha pequena Suiza dentro das Españas, que se o noso presente non é coma o daquel país, si o pode ser o seu futuro.

Pois xa me gustaría poder pensar así despois dunha peregrinación por aquelas terras, desde as cataratas do Rin no norte, moi preto de Alemaña, ata as veigas do sur inmediatas a Italia pasando pola alta montaña do monte Titlis de neves perpetuas e glaciares.

Nin nós somos disciplinados, organizados, coma os Suizos, nin as nosas paisaxes poderán volver á normalidade natural á que temos dereito. A estas alturas do progreso, de evolución urbana e do rural, coas construcción desmedidas e desmañadas, coas cores chillóas e a anarquia das nosas fincas e construcción auxiliares, faría falla o traballo imposible de arrasar todo o existente mal feito para poder partir de cero, comezando de novo.

Os entendidos na materia saben que a paisaxe rural asturiana é mellor, máis noble e harmónica que a galega, a santanderina mellor ca a asturiana, e a vasca mellora as as dúas anteriores. Nese aspecto estamos moi lonxe de Europa, aquí neste fisterra no que tanto nos queda por aprender. A nós, pero especialmente ós que nos gobernan a todos os niveis.

1 de out. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión