Sobre as mulleres taradas

Viviana Fernández García.-

Parácheste algunha vez a pensar que ocorrería se fósemos capaces de ler a mente da xente que nos rodea? Con total seguridade descubririamos que aqueles que coñecemos son máis complexos do que pensabamos, máis escuros, máis perigosos. E sentiriamos unha vergoña terrible ao desvelar as nosas pequenas obsesións, complexos e ideas politicamente incorrectas. Sacar á luz o pequeno monstro que habita nas catro protagonistas de Taradas foi o meu obxectivo inicial ao escribir a miña primeira novela, pero a historia evoluciona de xeito imprevisible como nave á deriva, segundo os antollos inimaxinabeis dos antigos deuses gregos.

Taradas é unha historia de sentimentos inefabeis, da arbitrariedade da sorte, do relativismo da bondade ou maldade do home. Porque, non nos enganemos, a normalidade non existe e é tan só unha cuestión estatística, por iso a miña primeira novela está creada a partir de personaxes xenuínos e auténticos. Taradas é pornográfica porque o lector é un mirón que contempla os pensamentos espidos das protagonistas. A relación entre lector e personaxe é íntima e ás veces sórdida. Tamén hai lirismo. Usei todos os recursos ao alcance da miña man para crear personaxes reais, de carne e óso con infancia e familia. Como nun abano de cores, ou nunha escala de sons, non tiven medo de mesturar os graves e os agudos, a linguaxe poética e a vulgar. Esta contradición non só é palpable no estilo senón tamén nos personaxes. As catro mozas teñen zonas de sombra, claroscuros, buracos negros como os do universo nos que non se sabe con exactitude o que ocorre. A xeografía dos meus personaxes inclúe cantiis de mares axitados e encoraxados aos que se asoman con certa frecuencia.

Virginia é unha moza ávida de sensacións, cunha alma inflamable que arde con facilidade, hedonista e dolorosa cun gran apetito polo volátil e o belo.

Carla é a máis romántica e namoriscada. Obsesiva e insegura de alma fluorescente que lampexa con fulgor na noite e permanece durmida e mate durante o día.

Silvia é reflexiva, cunha alma frondosa pero fráxil e unha visión dramática da vida. A súa traxedia é contemplarse como un personaxe secundario da súa propia vida.

Esther é intimidatoria e altiva, descreída porque perdeu a fe en case todo, escéptica e ás veces cruel.

Ao relatar a vida de catro mozas a miúdo pregúntanme se escribín “algo similar a Sexo en Nova York, Mulleres desesperadas ou O diario de Bridget Jones”. Rotundamente non. Taradas é unha novela feminina e fresca pero non frivoliza coas relacións home-muller, nin pon en ridículo aos homes. Ademais as vidas das miñas protagonistas non xiran ao redor dun home. O amor é unha peza máis pero de ningún xeito a máis importante deste quebracabezas. Taradas non é unha obra feminista nin de crítica social. Non hai mensaxe moral, nin unha estrutura clásica con formulación, nó e desenlace. As mozas que retrato non representan á sociedade aínda que sexan modelos relativamente frecuentes nela. Vemos unha mocidade que sente fascinación polo dionisiaco, coa necesidade de atopar o seu sitiño pero que, a diferenza de moitos mozos, non busca a identidade a través dun grupo senón que fai unha carreira en solitario. Tamén hai unha pulsión pola destrución e a morte.

Taradas é para min un experimento. Quería probarme como escritora escribindo sobre o que me gustaba, cunha estrutura orixinal, frases curtas, metáforas nada artificiosas, historias áxiles, cruzadas, moitos personaxes. Cando tiven que escribir unha sinopse fixen o que a maioría dos escritores: simplificar e deshumanizar ás protagonistas, pór etiquetas e tentar dar unha explicación lóxica ás caóticas e veleidosas relacións humanas. Pero se de verdade queres saber de que vai Taradas non terás máis remedio que lela.

Taradas.
Viviana Fernández García.
Barcelona: Carena.
176 pp.

29/10/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión